29 de abr. de 2015

O que Aristóteles lle diría a Howard Hawks

Hai unha cita de Gandhi aquí no meu blog na columna da dereita, sobre como os hábitos nos transforman. Sempre me gustou esa cita e creo que realmente me axudou a configurar o meu carácter. Ben, pois ademais acabo de descubrir que iso xa fora expresado máis ou menos polo meu querido vello amigo Aristóteles. Que simpático miragre é constatar unha e outra vez a sintonía de pareceres sobre novos asuntos con alguén cuxas ideas che atraían por outro concepto. Quero dicir, a estas alturas estou case segura de que un sábado o meu vello Aristóteles e eu elixiríamos poñernos a ver a mesma película polos mesmos motivos.
A cita de Aristóteles sería máis ou menos:
As virtudes non existen en nós pola soa acción da natureza, nin tampouco contra as leis da mesma; simplemente temos ese potencial, pero o hábito é o que as desenvolve e perfecciona en nós. Só adquirimos as virtudes despois de practicalas previamente. Con elas sucede o que con todas as demais artes; porque nas cousas que non se poden facer senón despois dunha aprendizaxe, non as aprendemos máis que practicándoas; e así un se fai arquitecto, construíndo; faise músico, compoñendo música. Asemade un faise xusto practicando a xustiza; sabio, cultivando a sabedoría; valente, exercitando o valor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario