![]() |
| representación de Zeus |
Ao observar as esculturas da Grecia clásica que representan homes espidos, algunhas persoas sorpréndense polo reducido tamaño do seu membro sexual. En realidade non é que sexa moito máis pequeno do normal senón que a nosa mirada actual está habituada a esperar outra cousa. A pornografía é hoxe o medio onde se modela a idea do corpo masculino e dese rasgo anatómico en particular. No porno "tradicional"os homes por regra xeral teñen un membro de proporcións desmedidas, cousa física pero tamén simbólica, pois na medida en que o pene é unha metáfora do poder e significante fundamental do masculino, nun sistema cultural dominado por isto mesmo, ter moito pene significa ser moi home.
A idea de beleza na Antigüidade clásica ou na Europa renacentista era distinta da nosa. Agora os corpos que adoitamos considerar fermosos en realidade son máis ben desexables, que non é exactamente o mesmo: son consumibles, mercancías suxeitas ás leis do mercado. Antes, en cambio, a beleza estaba aí para a contemplación do feito estético, sen outro fin. Despois de todo, moitas destas obras de arte representan a homes pouco menos que perfectos, iso cando non son directamente deuses de pleno dereito. Tendo en conta as historias que se contan de Zeus, quen fornica con todo o que se menea, sen importar a divinidade nin o xénero sexual, esperariamos que se representase ao deus cun gran pene, pero non é así.
Os historiadores da arte teñen varias respostas para isto, destacando dúas sobre todo. A primeira é que eses penes son pequenos porque están fláccidos, e nese estado non hai gran diferenza cos penes actuais, por moito que a algúns egos lles pareza o contrario. A segunda resposta é algo máis complexa, e ten que ver con diferenzas culturais; aínda que para a cultura actual ter o pene grande significa masculinidade, poder e superioridade, na Antiga Grecia era diferente: os penes grandes representaban a estupidez, a luxuria e a fealdade en xeral. O home perfecto de entón non se deixaba levar polos seus instintos carnais e actuaba de xeito racional. Non por iso carecía de desexos, como demostraba Zeus, nin perdía autoridade, simplemente era un ideal de home diferente.
Os homes de pene grande eran bestas en celo, en ocasións literalmente falando, como os sátiros, criaturas mitolóxicas relacionadas co apetito sexual que seguían a Dionisos, deus do pracer e o viño. Entre os deuses destacaba Príapo, deus da fertilidade, protector dos rabaños e a agricultura, que sempre é representado cun enorme membro en perpetua erección; en efecto, o pobre nunca podía facer que lle baixase, e chegaron a expulsalo do Olimpo por iso!
Un pene de dimensións maiúsculas era, segundo a historiadora da arte Ellen Oredsson, unha característica que rompía coas proporcións harmoniosas necesarias para considerar fermoso un corpo masculino (os faunos, os sátiros, as divinidades deformes como Príapo, considerábanse manifestacións do monstruoso).
![]() |
| representación de Príapo |
Neste concepto de harmonía, o corpo era indisociable da mente. Respecto diso escribe Oredsson:
"Todas as representacións de penes grandes na arte e a literatura da Grecia antiga están asociadas con homes parvos, lascivos ou brutais, como os sátiros. Mentres que o ideal grego do home era racional, intelectual e autoritario. Podería soster moitas relacións sexuais, pero isto non estaba relacionado co tamaño do seu pene e, de feito, un membro pequeno permitiríalle manterse fríamente lóxico."
Como evidencia desta perspectiva, a historiadora da arte tamén cita uns versos de Aristófanes en As nubes, onde lle fala a un mozo dos costumes do pasado en comparación cos do presente, considerando estas últimas como unha dexeneración das primeiras. Nesta confrontación, o pene tamén ten cabida: "Se fas o que che digo e segues os meus consellos, terás sempre o peito robusto, a pel fresca, anchas as costas, corta a lingua, grosas as nádegas e proporcionado o pene. Pero se te afeccionas aos costumes modernos, pronto terás cor pálida, peito débil, ombreiros estreitos, lingua longa, nádegas delgadas, pene desproporcionado, e serás gran litigante."


Ningún comentario:
Publicar un comentario