Unha amiga moi querida faloume deste libro, que me parece bastante relacionado co meu artigo anterior, das cinco feridas e as súas máscaras. Lino nun tris (só 33 páxinas), emocioneime e pensei compartilo convosco. "A lei do espello" é unha guía práctica en oito pasos para aprender a perdoar a través da historia concreta dunha muller e non mediante longas disertacións sobre a importancia do perdón. O principal en todo caso queda ben claro: que o perdón é liberador. Desgrazadamente moita xente non comprende isto, pensa que o perdón é algunha especie de obriga ou penitencia relixiosa, é terrible canto lixo se ten botado sobre este concepto que cómpre restaurar e sanar e experimentar.O rancor é a última trampa do ego para manternos presos no seu cárcere mental, coa absurda ilusión de que lle estamos negando o perdón ao outro, ao que nos ofendeu, pensando que con iso recuperamos o poder. En realidade sucede todo o contrario, permanecemos escravos da ofensa entanto non nos liberemos dela e a soltemos para sempre. Perdoando son eu quen se libera! Negarme a perdoar alimenta a miña ferida así que vou deixar de alimentala, vou deixar de contar unha e outra vez a triste historia dos meus agravios parapetada no arquetipo da "sobrevivente", xa me doe o pescozo de mirar para atrás, é tempo de comezar a construír algo novo.
Isto é, por suposto, máis difícil de facer que de dicir. Non tentes de percorrer os oito pasos que dá a protagonista nun día, en fin, é unha narración a xeito de parábola e nela condénsase unha viaxe emocional que leva moito, moito tempo. Pero podes botar a andar. Sen presa, sen querer chegar. Só por facer camiño. Podes dar só o primeiro paso, sen comprometerte a nada, só por experimentar a ver como te sentes...
Para repasar o concepto de espello a min gústame particularmente este audio de Enric Corbera, que podes escoitar mentres fas footing, disque é tendencia...
Ningún comentario:
Publicar un comentario