25 de xuño de 2013

Menos é máis

         Un exceso de estímulos te estresa a un nivel subconsciente por todas as obrigacións e oportunidades que representa. Cada obxecto que tes sobre a mesa, por exemplo,  lémbrache algo, e conforme máis ideas e tarefas pendentes teñas á vista, máis difícil será concentrarte no que estás facendo neste momento. 
Moitos estudos mostran que a felicidade vai asociada ao enfoque concentrado na actividade que se estea realizando no momento. Pero absorberse realmente nunha tarefa só é posible cando non hai distraccións externas. A organización do teu espazo persoal, polo tanto, é necesaria.
Na túa casa maniféstase exactamente a mesma tendencia: todo o que acumulas ten un efecto directo sobre o teu benestar. O exceso de obxectos pode angustiarte o mesmo que un exceso de opcións. Diversos estudos demostran que ante a unha infinidade de alternativas necesitamos máis tempo para facer unha elección e somos menos felices co resultado. A sensación de que se cadra outra elección era mellor, amarga a satisfacción do que escolliches. 
Aínda que os zapatos que acabas de mercar son perfectos, tes a dúbida de que igual podías atopar algo mellor. Quizais acabas mercando máis cousas das que necesitas para non perder ningunha oferta. Pero o resultado non cambia: es feliz coas túas compras, pero nunca cres que realmente fose a mellor opción que podías conseguir. 
Simplificar a túa vida e desfacerte do superfluo pode axudarte a sacar o mellor de ti e concentrarte nas cousas que realmente che importan. Se agora escribo unha entrada, non fai falla ter os papeis doutro proxecto enriba da mesa, abonda cunha axenda ou calqueroutro sistema que me asegure que non me esquecerei de volver traballar nesoutro proxecto máis adiante. 
Cando es consciente do efecto paradoxal dun exceso de opcións podes utilizar este coñecemento para aumentar o teu propio benestar. Podes reducir as interferencias visuais para que o teu subconsciente non teña que dubidar constantemente de se realmente estás facendo o mellor que poderías estar facendo neste momento. Decide a que queres dedicar a túa enerxía agora. Organiza o teu espazo de forma que poidas gardar todo o que non ten relación con esta actividade. E déixate levar para gozar do aquí e do agora. Ese é o segredo para unha vida centrada. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario