15 de xuño de 2013

Cinco feridas, cinco máscaras

Hoxe abordarei o tema do autocoñecemento e a autosanación desde a interesante perspectiva exposta nun libriño de Lise Bourbeau titulado “As cinco feridas que impiden ser un mesmo”, que me sorprendeu gratamente e quero compartir.
O ser humano sofre habitualmente unha serie de feridas que o condicionan e limitan a súa vida, pero podemos sanalas; se recoñecemos a nosa ferida asumimos a responsabilidade da nosa vida, clave para a transformación e a sanación, mais se non aceptamos a nosa ferida caemos no sentimento de culpa, en avergoñarnos ou xulgarnos, e como non superamos esa aprendizaxe seguiremos atraendo circunstancias e persoas que nos farán sentir unha e outra vez esa ferida non aceptada. Aceptar a ferida non significa que preferimos tela senón que, conscientes de que somos seres espirituais vivindo unha experiencia humana, nos permitimos experimentar esa ferida e aprender desa experiencia vencendo os medos e as crenzas que bloquean a sanación.
A sanación pasa pola autoaceptación: o recoñecemento e o perdón de min mesma é o que finalmente me sana, e para iso hai que aceptar que eu son responsable de todo o que me ocorre, incluso aceptar que acusei a outros de facerme o que eu lles estou facendo aos demais.
Segundo Lise Bourbeau, as cinco feridas da alma máis comúns son: o rexeitamento, o abandono, a humillación, a traizón e a inxustiza. Non necesariamente temos as cinco: con humildade e sinceridade cada quen pode recoñecer as súas, pois ese recoñecemento é o primeiro paso no proceso de sanación.

Todos temos algunha destas feridas. Se nos custa identificar as nosas feridas é porque nos ocultamos tras unha máscara construída precisamente para non velas. As máscaras de cada ferida son as seguintes:
-Rexeitamento: Retraemento
-Abandono: Dependencia
-Humillación: Masoquismo emocional e mental
-Traición: Control
-Inxustiza: Rixidez

5 feridas da alma


REXEITAMENTO-RETRAEMENTO

Rexeitamento non é o mesmo que abandono. Rexeitar alguén é botalo fóra da nosa vida: a persoa que nos rexeita di “non te quero ao meu lado”, pero a persoa que nos abandona marcha na procura de algo ou de alguén. 

A ferida do rexeitamento é moi profunda, porque fai dubidar do propio “dereito a existir”. Esta ferida actívase nas relacións co proxenitor do mesmo sexo, que é quen nos ensina a amar, a dar amor, mentres o proxenitor do sexo contrario nos ensina a ser amados, a recibir amor. Cando un proxenitor non se acepta si mesmo (rexéitase) e ten un fillo do mesmo sexo, é frecuente que inconscientemente rexeite ese fillo, pois constantemente lle lembra o seu propio auto-rexeitamento. É comprensible entón que non aceptes ou mesmo odies ao proxenitor que ten o mesmo sexo ca ti. Non significa exactamente que el te rexeitase, senón máis ben que ti interpretaches unha ou varias experiencias coma se fosen un rexeitamento, pero unha persoa diferente poderíao vivir doutra maneira, por exemplo como unha humillación, ou un abandono. Se admites que sofres a ferida do rexeitamento probablemente acabarás decatándote de que o proxenitor de igual sexo ca ti tamén a sofre, e non só se sente rexeitado polo seu proxenitor do mesmo sexo, senón tamén por ti.
Cando acusamos a outros de todo o que nós facemos e non queremos ver, atraemos persoas que nos fan revivir unha e outra vez esa experiencia.

Coa ferida do rexeitamento, o conflicto co proxenitor do mesmo sexo explica as dificultades para aceptarse e amarse a un mesmo/a. A persoa con esta ferida ten ganas de desaparecer, non quere ocupar o seu espazo na vida por medo a ser rexeitado. A máscara trala que se esconde esta ferida chámase “retraemento” (withdrawal en inglés). Son persoas que se cuestionan o seu dereito a existir, e parece que non están totalmente encarnadas ou enraizadas nos seus corpos, que case non teñen carne nos ósos, síntoma de que queren desaparecer. Non se permiten a infancia, fórzanse a madurar rápido pensando que así serán menos vulnerables ao rexeitamento. Por iso en parte o seu corpo sempre parecerá o dun neno. 

Cando un neno se volve retraído, que é a máscara do rexeitamento, soe ser tranquilo, non fai demasiado ruído e pasa desapercibido, vive nun mundo imaxinario; o seu corpo parece fráxil e iso fai que a nai o sobreprotexa. Pero os nenos sobreprotexidos séntense sufocados pola nai, séntense rexeitados por non seren aceptados coas súas limitacións, tal e como son. Os retraídos cren que non teñen ningún valor, polo tanto intentarán ser perfectos, para merecer ese valor que senten que lles falta. Un home que diga “aos ollos do meu pai non son ninguén, e non fago nada ben” intentará ser perfecto (con todo o sufrimento que isto implica) para gañar algo de auto-valoración. Para eles, ser xulgados polo que fan equivale a ser rexeitados. Queren facelo todo tan perfecto que lles leva máis tempo do normal. Os retraídos non saben que facer se reciben demasiada atención, prefiren estar sós, sen decatarse de que así estarán cada vez máis marxinados ou rexeitados. Para retirarse máis algúns acoden ás drogas e ao alchool.

Os retraídos compáranse con outros e sempre se atopan con menos valía. Como teñen dificultade para recoñecerse como “alguén”, a miúdo tratan de parecerse a outra persoa. Normalmente sabotean os seus éxitos, pois non se xulgan merecedores. Se senten que acaparan demasiado espazo ou atención bloquéanse, pensando que están molestando aos demais. A parálise ocorre sobre todo con xente do mesmo sexo. Se alguén os interrompe cando falan, pensarán que é porque “non son suficientemente importantes” e deixarán de falar. Se interrompes a alguén que non sofre da ferida do rexeitamento, pensará que “o que di non é importante” pero el segue sendo igual de importante que antes. Porén os retraídos teñen medo a dar a súa opinión se non se lles pregunta, ocúltanse trala máscara da “vergoña” que lles impide mostrarse e ocupar o seu lugar.

As persoas feridas de rexeitamento viven separadas do mundo material e mesmo do seu instinto sexual. Por suposto, cústalles crer que alguén se poida fixar neles e menos namorarse deles; ás veces coartan a súa sexualidade por considerala “pouco espiritual”; outras veces teñen parellas que en realidade rexeitan sexualmente; non soportarían pensar que rexeitaron a alguén (especialmente do sexo oposto) pero probablemente terminarán facéndoo, porque o rexeitamento é un dos temas centrais da súa vida e canto máis o teman máis probabilidades hai de que suceda.


ABANDONO-DEPENDENCIA 

A ferida do abandono non se sente tanto no “ser”, como a do rexeitamento, séntese máis ao nivel do “facer” e o “ter”.

Situacións que poden espertar a ferida do abandono son, por exemplo, a chegada dun novo bebé, pois a nai debe ocuparse del e o fillo maior pode sentirse abandonado; se os pais traballan todo o día e non teñen tempo para o neno, se o neno ten que estar en cama no hospital sen entender o que lle ocorre... 

A ferida do abandono reavívase co proxenitor de sexo oposto, pero normalmente quen sofre de abandono tamén sofre ademais de rexeitamento (co proxenitor do mesmo sexo). Mentres sigamos estando resentidos con algún dos nosos proxenitores, teremos dificultades coas persoas do mesmo sexo que ese proxenitor a quen non perdoamos. Para perdoar non hai nada mellor que comprender que el/ela son tamén vítimas dos seus proxenitores, e que os acusamos de algo que nós mesmos lles estamos facendo a eles.

Quen sofre de abandono sente que non ten suficiente alimento afectivo. Para non sentir esa carencia afectiva, constrúen a máscara da dependencia. Os dependentes pensan que nunca serán capaces de valerse por si mesmos e que necesitan a alguén en quen apoiarse. Algunhas partes do seu corpo móstranse flácidas ou sen ton muscular, coma se non puidesen aguantarse soas. Os dependentes tenden a adoptar o papel de vítima. Atraen problemas para atraer a atención dos demais, pero a atención dos demais nunca é suficiente para eles. Soñan en destacar ou facer un gran papel ante grandes audiencias, a súa necesidade de atención é insaciable, pois hai neles unha crenza profunda que di que nada é suficiente.

Aos que adoptan o papel de vítima tamén lles gusta o papel de salvador: farán de pai ou nai cos seus irmáns ou tratarán de salvar alguén a quen aman e que está en dificultades. Ocúpanse dos demais para obter afecto a cambio. Asumen responsabilidades que non lles corresponden e sofren polos demais, deixando que a súa felicidade dependa da felicidade do outro. Teñen un exceso de empatía que non é san para eles nin para os demais.

Os dependentes teñen moitos altibaixos. O seu gran medo a estar sós é o que xera esas subidas e baixadas de humor. Poden aguantar o inaguantable cunha parella para non sentirse sós, engánanse coa esperanza emocional de que no futuro as cousas poden cambiar. Teñen problemas coa palabra “deixar”. Se alguén lles di “téñote que deixar, teño que irme”, sentiranse feridos. Teñen dificultades en deixar unha situación, persoa ou lugar. Teñen problemas con todas as formas de autoridade, pois pensan que alguén autoritario é frío e non vai coidar deles. Por iso os dependentes son cálidos cos outros.

A emoción máis intensa que sente un dependente é a tristeza. Buscan a compañía dos demais como antídoto e poden usar o sexo para sentirse próximos a outra persoa. Necesitan aos demais pero tamén temen recibir demasiada atención deles por medo ao abandono, así que cando a relación se volve intensa soen procurar a maneira de que acabe. Necesitan atención da súa parella, pero eles non lle conceden outro tanto. Se o dependente quere tomarse un intre para ler a soas, todo está ben, pero se a súa parella decide tomarse un intre para ler a soas sentiranse ignorados.

Cando se dan conta do problema que trae a súa dependencia, en lugar de aceptala, intentan ser independentes. Moitos que teñen a ferida do abandono non queren ver a súa dependencia, e crense os máis independentes.

A autonomía é sa, a independencia non.

.

HUMILLACIÓN - MASOQUISMO EMOCIONAL E MENTAL

A ferida da humillación espértase no neno cando sente que algún dos seus proxenitores se avergoña del ou ten medo de que o faga (porque se ensuciou, porque fixo algo inadecuado, etc.) O neno séntese degradado, comparado, mortificado ou avergoñado a nivel físico de "facer" ou "ter". A humillación espértase por exemplo, cando o neno escoita á súa nai falarlle del ao seu pai, contándolle algo que fixo mal.Tamén pode sentirse humillado ao ver que os pais controlan todos os seus movementos, deixándolle pouca liberdade. Normalmente a ferida actívase coa nai, pero pode activarse co pai se este era quen "controlaba" ao neno e facía o papel de nai, ensinándolle a comer correctamente, a estar limpo, etc.

Para non sentir a ferida, o neno desenvolve a máscara masoquista. Con esa protección, aprenderá a castigarse a si mesmo antes de que o fagan outros. Os masoquistas xeralmente non están en contacto cos seus sentimentos pois teñen medo de que os demais se molesten ou se avergoñen deles. 

Son hiper-sensibles, a mínima cousa pódeos ferir. Unha crítica á lixeira pódeos afundir. Por iso fan todo o posible para non ferir aos demais. En canto alguén querido se sente infeliz, o masoquista séntese responsable. Cúlpanse por todo, e asumen a culpa dos demais. É o seu xeito de ser "boas persoas". Non se dá conta que estando tan empatizado co humor do outro, se desconecta dos seus propios sentimentos e necesidades. A miúdo fan cousas polos demais que non farían para si mesmos, ben sexa un traballo que os outros lle piden ou por exemplo limpar a súa casa cando veñen invitados pero non cando está a soas porque non se sente importante abondo. O masoquista séntese sen valor, non merecedor de ser amado ou recoñecido. Ao crer que non ten valor ou importancia, cre que merece sufrir. No fondo gústalle a roupa bonita e o luxo, pero como cre que ten que sufrir, non se permite eses goces. Os masoquistas teñen dificultades para satisfacerse ou gozar. Cando senten pracer estando con alguén ou facendo algo, critícanse e castíganse por crer que están aproveitandose do outro. Aproveitarse do outro é o último do que queren ser acusados. Por iso teñen dificultades coa sexualidade, pois lles esperta culpa. 

O masoquista quere demostrarse a si mesmo que é alguén sólido capaz de controlar a súa vida (e a dos demais). A miúdo atopámolo ocupándose dos problemas dos demais e esquecéndose de si mesmo.  A miúdo son mediadores entre dúas persoas. Canto máis responsabilidades doutros asumen, máis peso colle o seu corpo. O sentido do deber é moi importante para eles. O masoquista pensa que axudando aos demais evitará que se sintan avergoñados del, pero acaba sentindo coma se os demais se aproveitasen da súa boa vontade. Ademais non se da conta de que facendo todo polos demais, acaba humillandoos, pois lles fai sentir que sós non poderían facelo. Debe aprender a deixar os demais tomar decisións por si mesmos.

 A liberdade é moi importante para os masoquistas. Ser libre significa non ter que dar explicacións a ninguén, non ser controlado por ninguén, facer o que queiras cando queiras. Cando eran novos, aos masoquistas faltoulles liberdade e cando conseguen sentirse libres viven ao máximo a vida, sen límites. Iso lévaos a comportamentos extremos (axudan demasiado, gastan demasiado, cren que teñen demasiado, etc). Cando viven sen límites séntense avergoñados porque se senten humillados pola mirada e comentarios dos demais. Por iso teñen terror a atoparse a si mesmos sen límites: cren que farían cousas que avergoñarían aos demais. Ademais cren que ao poñerse a si mesmos en primeiro lugar, non serían de axuda para os demais.
Valoran a liberdade pero tamén a temen e a sabotean de moitas formas: un home que se sente libre de ter varias noivas, crearase problemas para velas e esconder unhas das outras; un home que se sente atrapado en casa pola súa muller controladora, buscará dous traballos para estar sempre fóra de casa. Crerá que así é libre, pero engánase. O que un masoquista fai para liberarse nunha área o aprisiona noutra.


TRAICIÓN-CONTROL

Esta ferida comeza cun forte lazo de amor moi forte polo proxenitor de sexo oposto, xerando un complexo de Edipo que non se resolveu, así que no futuro esperarán recibir da súa parella todo o que non recibiron do seu pai/nai. Nas súas relacións custaralles comprometerse por medo a ser decepcionadas (traizoadas). Na infancia sentiu como unha traición cada vez que ese proxenitor tan amado non mantiña a súa palabra ou promesa, ou cada vez que non cumpría as súas expectativas de "ideal". Unha nena podería sentirse traizoada polo seu pai se sentía que este lle daba menos atención cando naceu outro irmán. Para non sentir a ferida de traizón, a personalidade constrúe a máscara do control. Queren mostrar ao mundo que son xente de confianza, responsables, con palabra, fortes, importantes.

A traizón é tan inaceptable para eles que son incapaces de recoñecer que eles mesmos poderían ser capaces de traizoar a outros (ou a si mesmos). E iso é xustamente o que ocorre, aínda que lles custará moito recoñecelo. Se por exemplo eles traizoan a alguén non cumprindo a súa palabra, atoparán todo tipo de escusas para xustificarse, e ata poden mentir (algo inaceptable que fagan os demais). Son moi hábiles en dicir aos demais o que queren oir, pero poucas veces pensan facer o que din. Os controladores teñen fortes personalidades, son líderes en potencia. Pensan que teñen a razón, intentarán convencerte, e probablemente conseguirano. Son de pensamento e acción rápida, teñen talento pero fáltalles paciencia e tolerancia cos que son máis lentos. Cando as cousas non saen ao seu xeito, poden volverse agresivos con facilidade, que é unha forma de mostrar a súa "forza" e o seu "control". En realidade son as persoas que teñen máis altibaixos emocionais e non perciben que coa súa actitude voluble desorientan aos demais, que poden á súa vez sentirse traizoados.

Gústalles telo todo baixo control. Chegan antes aos lugares, gústalles planear o futuro, son moi esixentes, atopan difícil delegar e confiar nos demais. Cando ven a alguén do sexo oposto que non fai nada, chámanlle "vago" e veno como unha proba para non poder "confiar" nesa persoa. Aos controladores gústalles que todo o mundo saiba o moito que eles fixeron ou están facendo, para sentirse responsables e dignos de confianza.

Gústalles saber o que ocorre en todo momento, e dan a súa opinión sen que llela pidan.
Cando falan non se revelarán completamente; só falarán de cousas que realzan a súa reputación, a súa confianza e a súa responsabilidade. A súa reputación é moi importante para eles. Teñen medo de admitir os seus medos e a falar das súas debilidades. Cústalles moito revelar as súas intimidades, por medo a que sexa usado na sua contra. Con todo, non teñen reparos en repetir rumores doutras persoas "habendo boas razóns" para facelo. Gústalles ter sempre a última palabra, gústalles organizar a vida dos demais (é unha forma de manipular ou controlar ao outro). Son persoas sensibles pero non mostran a súa sensibilidade pois están ocupados en mostrar a súa "forza" e o seu "control". Teñen que saber un pouco de todo pois lles custa moito aceptar que poden non sabelo todo. Se alguén lles pregunta algo que non saben, antes que dicir "non sei" probablemente inventaran a resposta aparentando que controlan o tema. Teñen problemas coa autoridade, pois pensan que os queren controlar, odian sentirse controlados e non se dan conta que normalmente eles están dando ordes aos demais e decidindo polos demais.

Non lles gustan as sorpresas, pois poden perder o control. Non se dan conta con que frecuencia cambian de pensamento e toman decisións de último minuto que sorprenden aos demais. Son rápidos en chamar aos demais "hipócritas", pois recelan con facilidade. Non se dan conta que a súa actitude moitas veces é manipuladora e de falar ás costas dos demais, pero se alguén non confía neles -cousa habitual ata que non se sane a ferida- séntense traizoados. O controlador ten moito medo do compromiso. Son sedutores (para controlar ao outro) pero no fondo ten medo que un forte compromiso poida romperse, e sentirse traizoados. Poden confiar máis se non hai sexo involucrado. Senten máis confianza cos amigos que coa parella, pois coa parella o medo a sentir a súa ferida é maior. O controlador experimenta máis separacións e roturas que calquera outra persoa. Cren que ter unha parella que estea "diante" ou ao mesmo nivel que eles sería perder o control e a forza. Prefiren apartar esa parella da súa vida para sempre por crer que non é digna da súa confianza. Cando empezan a deixar de sentir a paixón/romance coa parella, empezan a sentirse decepcionadas, e atopan xeitos de facer que a súa parella os deixe para non sentirse traidores. A causa principal dos seus problemas sexuais ten que ver co vínculo que crearon co proxenitor de sexo oposto, a quen idealizaron tanto que ningunha parella pode cumprir as súas espectativas. Poden ata renunciar ao gozo sexual, e sempre atopan unha boa forma de xustificar a súa decisión.

Se tes esta ferida é importante que comprendas que o teu proxenitor de sexo oposto con quen a túa ferida se activa, sufriu e sofre probablemente aínda a mesma ferida co seu proxenitor do sexo oposto. Normalmente quen ten a traizón como ferida, ten a ferida do abandono. Por non querer aceptar a súa dependencia afectiva (co proxenitor de sexo oposto) desenvolven a máscara de control que lles impida ver a súa ferida de abandono.




INXUSTIZA-RIXIDEZ

Sufrimos da ferida de inxustiza cando non nos sentimos respectados, sentimos que non somos apreciados polo noso verdadeiro valor, cremos que non recibimos o que merecemos senón menos (ou máis).

A ferida actívase co proxenitor do mesmo sexo: se sentiamos que ese proxenitor non expresaba os seus sentimentos connosco, sufrimos unha relación "fría" e superficial con el, e isto nos limita para poder expresarnos e ser nós mesmos. Se o proxenitor do mesmo sexo era ademais autoritario, crítico e estrito, a ferida é maior. De pequeno quen ten esa ferida sente que é máis apreciado polo que fai que polo que é. A reacción da persoa que sofre a ferida é disociarse dos seus sentimentos, como forma de sentirse protexida e non vulnerable. Para ese fin constrúe a máscara da rixidez. Físicamente van moi dereitos, coma se o seu corpo fose "perfecto".

No fondo son inxustos consigo mesmos, pois non se permiten expresar os seus verdadeiros sentimentos, esconden a súa sensibilidade e aos ollos dos demais parecen fríos e insensibles, aínda que eles pensan que son os máis sensibles e cariñosos do mundo. Temen a frialdade nos demais e en si mesmos. Non poden aceptar ser fríos pois significa non ter corazón, e iso equivale a ser inxusto. Por iso para eles é tan importante sentir que son "boas persoas" e "boas no que fan". Eles aspiran a ser "perfectos" en primeiro lugar, e "cálidos" en segundo lugar". Os ríxidos buscan a xustiza por riba de todo. Son perfeccionistas e cren que facer ou dicir as cousas á perfección é xusto. Fan ben as cousas, e de forma rápida. Queren facelo todo para evitar problemas, e se algunha vez teñen algún problema prefiren dicir que "todo vai ben" para non sentir o sufrimento.

Son moi optimistas. Parecen imperturbables. Son moi dinámicos, aínda que os seus movementos mostran pouca flexibilidad, mostrando que están algo pechados. Non lles gusta a autoridade, porque para eles a autoridade sempre ten "razón". Para eles, merecer as cousas é moi importante. Difícilmente aceptan agasallos "sen merecelos" polo seu esforzo. Farán saber aos demais o que fixeron ou están facendo para mostrarlles que son merecedores do seu recoñecemento. Cando piden explicacións, os ríxidos queren que todos os detalles sexan exactos. Pero cando eles teñen que explicar algo, adoitan esaxerar fácilmente. A miúdo utilizan as palabras: sempre, nunca, moito. Non se dan conta que esaxerar os datos non é ser xusto. Cando lles preguntas como están, rápidamente contestarán "moi ben!" para non pararse a sentir como están.

A relixión ten un impacto grande nos ríxidos. Para eles o concepto de "ben" e "mal", "correcto" ou "incorrecto" pesa moito.  Os ríxidos teñen dificultades en deixarse ir e sentir pracer sexual. Cústalles expresar a súa tenrura. Son con todo, os de aparencia máis sexy.  Esíxense moito a si mesmos e teñen moito medo a cometer erros, son moi impacientes e críticos, case nunca están satisfeitos co que fan e iso lles drena enerxía. Por iso os seus corpos adoitan ser delgados. Compáranse cos que consideran que son "máis perfectos", e iso é algo inxusto que se fan a si mesmos. É unha forma de rexeitar o seu ser. Normalmente de pequenos sentíronse comparados cos seus irmáns/as. Adoitan ter problemas de visión, porque é moi difícil para eles ver que tomaron decisións pouco acertadas ou que teñen unha percepción mala dunha situación. Prefiren non ver nada que sexa "imperfecto", pois así non sofren. Prefiren utilizar a expresión: "non o vexo de todo claro". Séntense culpables se non están facendo nada mentres outro está traballando. Víveno como unha inxustiza. Para o ríxido é difícil coñecer e respectar os seus propios límites.

Impóñense obrigacións aínda que non sexan coherentes coas súas necesidades. Mellorarían permitíndose sentir máis. Atopan inxusto ter máis que outra xente. Por iso, moitos se autosabotean, non saben aceptar un eloxio ou un regalo, outros se centran en queixarse (e así esquecen os seus privilexios) e outros cren que teñen que dar aos demais para ser xustos. Poden intervir nunha situación se ven que non é xusta. Gústalles que todo estea no seu sitio, ordenado. O seu sistema nervioso está sobreexcitado porque se esixen a perfección, pero debido ao seu auto-control poden parecer tranquilos. A emoción máis común é o enfado, sobre todo consigo mesmos, por non alcanzar os seus ideais de perfeccionismo. Deben vixiar o seu fígado se reprimen moito o enfado. Normalmente queren dar unha "segunda oportunidade" ás persoas porque cren que é xusto. Se son moi ríxidos non verán o seu propio enfado e suavizarán a situación escusando á outra persoa.


Recoñecer calquera destas feridas nun mesmo non é doado nin agradábel, pero a autora axuda bastante aportando boas descricións de como soen ser cada unha destas persoas, incluso a súa apariencia física e preferencias en moitos aspectos da vida cotiá. Ademais dá ideas interesantes para comezar o traballo de autoaceptación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario