Thot foi un importante deus da antigüidade que chegou a Exipto procedente dun país situado máis aló de onde se oculta o sol, é dicir que veu do oeste, coma outros deuses do panteón exipcio. Cal era a súa verdadeira orixe? Quizais era un home da antigüidade máis remota, posuidor dunha gran sabedoría pero que debido a que non podía ser comprendido, transcendeu non como un home senón como un mito ou como un deus. O seu nome segundo algúns estudiosos do tema é de orixe atlante, polo que puido arribar procedente da Atlántida antes de que o continente afundira no océano. Tamén poida que procedese da afastada Hiperbórea (Thule nas tradicións escandinavas) ubicada entre Groenlandia e Islandia; ou das veciñas terras do Sahara, antes de ser devoradas polas areas do deserto; incluso dun planeta alleo ao noso, segundo a opinión dalgúns ufólogos.Dyehuthi en exipcio (Ḏḥwty), Thot en grego (Θωθ), representábase habitualmente con corpo humano e cabeza de ibis, ás veces con cálamo e táboa de escriba e en ocasións coroado cun disco lunar. Tamén se asociaba co babuino.
Era o paradigma de sabedoría, visir e escriba dos deuses, inventor de todas as palabras e tamén da escritura, así como todo o sistema legal. Entre outros atributos, Thot tiña o de formar parte no xuízo de Osiris, a pesaxe das «almas» dos difuntos nunha balanza, pois sendo o sabio escribán el manexaba os libros da vida e o destino das persoas, das almas e do mundo. Como escriba dos deuses estaba presente en todos os templos, pois loxicamente se consideraba autor de todos os libros sagrados existentes e regulador de todas as cerimonias.
Dicíase que Thot velaba polo pobo exipcio en forma de ibis e baixo este aspecto transmitiu aos humanos todas as formas de cómputo existente, os números e as matemáticas; a unidade de lonxitude principal, o cóbado (baseada no corpo humano), explicábase tradicionalmente como o paso regular dun ibis.Rexía as estacións, a lúa e as estrelas: cando o sol se ocultaba el procuraba disipar as tebras coa luz da lúa; inventou o cómputo do tempo a través do calendario e por iso o primeiro mes do ano levaba o seu nome. Ademais inventou a maxia, os feitizos e esconxuros, e era capaz de prever o futuro. Recibiu epítetos como "Señor do Tempo", "Regulador das crecidas das augas" e "Touro das estrelas" entre outros. Tamén inventou a música e máis concretamente a lira, ao igual que Hermes, con quen a miúdo se identifica.
Era un deus creador en Hermópolis Magna, onde rexía a "Casa da Vida" e críase que el codificara as ceremonias que transforman aos mortos en espíritus e que só os seus sacerdotes podían ter acceso a este coñecemento "hermético". Coa expansión mediterránea dos cultos exipcios pasou a ser coñecido como Hermes Trismexisto, "Tres veces grandioso" e del emanan as leis herméticas, o Kybalion e o Libro de Thot, denominación dun conxunto de 78 láminas chamadas Arcanos (segredos), consistentes nunha serie de figuras e ideogramas xeroglíficos que contiñan símbolos e ensinanzas metafísicas dos libros sacros das relixións máis importantes (actualmente coñecido como tarot).
Ningún comentario:
Publicar un comentario