10 de xan. de 2015
Horus
Na antigüidade máis remota foi un deus celeste, o primeiro que tivo forma de falcón. É ante todo o gran señor dos ceos e de aí a asociación dos gregos con Apolo, señor dos ceos. O símbolo xeroglífico do falcón sobre un estandarte empregouse xa en época moi antiga para representar a palabra deus. Moitos foron os deuses que se fusionaron con Horus nas sínteses relixiosas de cada localidade, e de ai a gran cantidade de deuses falcón que aparecen no panteón exipcio. A pesar de estar asociado ao culto osiríaco como fillo de Isis e Osiris, non parece ser esta a súa orixe. Horus xa existía en época predinástica e máis tarde o seu culto foi adaptado ao mito de Osiris nun intento de sincretismo.
Tiña por ollos ao sol e á lúa, pero os sacerdotes de Heliópolis adxudicaron o sol a Ra, quedando o ollo de Horus como a lúa. Nos Textos das Pirámides identifícase co ceo oriental, mentres que Thot o é o occidental; así pois, é o señor da montaña por onde o sol asoma cada mañá. Inicialmente era fillo de Hathor, pero este papel foi posteriormente adoptado por Isis. Cando o culto de Osiris adquiriu importancia, Horus converteuse en fillo de Osiris; identifícase co rei vivo e o rei morto pasa a ser Osiris; cando Horus chegou á maioría de idade, loitou contra Seth para recuperar o trono do seu pai; Seth quedou como deus do Alto Exipto e Horus do baixo Exipto. Posteriormente Horus quedou con todo Exipto, mentres que Seth quedou como deus do deserto e dos pobos estranxeiros. Tras suceder ao seu pai, deixou o goberno aos reis míticos, que a tradición denomina "Shemsu-Horus" ou seguidores de Horus.
Entradas relacionadas:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)

Ningún comentario:
Publicar un comentario