O seu nome en exipcio é Ast e antigamente levaba un trono (ast) sobre a cabeza. Raíña dos deuses, poderosa maga e sanadora, é imposible limitar os seus atributos xa que como señora do Alén e como muller reuniu en si os atributos de todas as deusas de Exipto. O seu culto estendeuse por todo o Mediterráneo e resistiu o auxe do cristianismo ata o século VI da nosa Era. Foi a única deidade exipcia que se mantivo durante o Imperio Romano, ata que o seu culto foi prohibido no ano 535, en tempos de Xustiniano. Os primeiros cristiáns adoptaron gran parte do culto a Isis asimilándoa á Virxe María. A súa función maternal e protectora e a iconografía da Virxe María co Neno están inspiradas no culto a esta deusa.A Isis ningún sortilexio lle é estraño e os seus sacerdotes eran médicos especialistas; ela é moi poderosa e a súa garda persoal son sete escorpións de nomes terroríficos. Obtivo o seu poder creando unha cobra que mordeu a Ra e convencéndoo de que só podía curalo se el lle confiaba o seu nome secreto. Cada vez máis enfermo polo veleno que penetraba nas súas veas, Ra tivo que confesar e Isis apoderouse, co nome, dunha parte do poder do deus.
Deusa da maternidade e do nacemento e protectora das nais e dos nenos e a familia en xeral, considérase que instituiu o matrimonio, pero tamén era a perpetua viúva inconsolable do seu irmán e esposo Osiris, e deusa principal en todos os ritos relacionados coa morte. Osiris foi morto polo seu irmán Seth e Isis procurou o seu corpo viaxando polo Nilo. Atopouno, pero Seth descuartizouno e espallou os anacos de maneira que Isis tivo que viaxar de novo reuníndoos. Non conseguiu traer de novo á Osiris ao mundo dos vivos, pero si facerse fecundar nacendo entón Horus, o herdeiro de Osiris que vingará a seu pai.
Ningún comentario:
Publicar un comentario