O termo Ra aplicouse inicialmente ao Sol, como astro, e posteriormente ao deus asociado á creación, cuxo verdadeiro nome é secreto. Ra é o sol do mediodía, no seu máximo esplendor. A súa representación gráfica é un home con cabeza de falcón e disco solar abrazado
polo ureo, que sostén o ank e un cetro. No Reino Antigo era o "Gran Deus" anónimo, reitor do primeiro tribunal de ultratumba, despois Osiris triunfou como soberano e xuíz dos defuntos.
Ademais de creador do mundo, rexeitando o caos mediante a luz e a calor, algunhas tradicións fano creador dos homes, xurdidos das súas bágoas, e tamén dos deuses. Foi asemade o Primeiro Señor de Exipto. Tras moitos combates e coa axuda de Horus, establece o seu dominio sobre as rexións do Norte. Despois, desenganado dos homes, non quixo habitar na terra, puxo ao deus Thot no seu lugar, nacendo así a lúa, e el retirouse ao ceo. Desde a V Dinastía chegou a ser o deus oficial dos faraóns. Protector de reis e deus xefe do Estado; o Faraón era o fillo do Sol e tamén a súa encarnación.
Ra viaxa polo ceo nunha barca de Oriente a Occidente; segundo os momentos da viaxe, maniféstase en tres entidades diferentes: ao amencer é Jepri; ao mediodía, Horajti e no solpor, Atum. Ao morrer o día, Ra adopta a forma dun carneiro (Auf-Ra) e introdúcese na boca da deusa do ceo (Nut) atravesa pola noite o seu corpo e neste traxecto loita coa serpe Apofis, que intenta impedir o novo día. É a eterna loita entre a luz e a escuridade, e se Apofis vencese algunha vez volvería reinar o caos e a escuridade sobre o mundo. Ra renace cada mañá como un novo sol.
A propósito do ureo e demais símbolos podes consultar AQUI

Ningún comentario:
Publicar un comentario