"Casablanca" era o proxecto para unha peliculiña de propaganda política en medio da Segunda Guerra Mundial. Pero curiosamente comezaron a darse nela unha serie de afortunadas... ¿"casualidades"? que a converteron na mellor e máis inspirada historia de amor xamais contada na pantalla. Corrían malos tempos. Hollywood estaba sen galáns por causa da contenda e Humphrey Bogart entrou na película a última hora, substituíndo (advírtese que o que vén a continuación pode ferir a vosa sensibilidade) a Ronald Reagan. En vez de Ingrid Bergman actuaría Hedy Lamarr e nin sequera ía estar ambientada en Marrocos, senón en Lisboa. Non había diñeiro para luxos así que se rodou enteiramente nos estudos da Warner e mesmo reutilizando decorados (como a estación de París, que se construíra para "A estraña pasaxeira"). O guión íase improvisando sobre a marcha, cóntase que o final cambiou tantas veces que os actores descoñecían quen subiría finalmente ao avión, por iso as súas interpretacións son tan intensas e ambiguas. O título inicial era o da obra de teatro na que se baseaba, "Everybody Comes to Rick's", pero cambiouse para imitar o éxito de "Alxer", rodada tres anos antes. Michael Curtiz, director habitual de aventuriñas como "Robin Hood", foi o encargado de substituír a William Wyler... E á fin de tantos cambios, limitacións, improvisación, a base de entusiasmo para seguir adiante aceptando os imprevistos, xurdiu algo totalmente inesperado; a suma dos aportes de todos estes artistas suplentes resultou nunha sinerxia sorprendente, espectacular, fermosa e profunda, onde a mensaxe inicial de oposición aos nazis queda eclipsada pola de que o amor verdadeiro existe, e A Marsellesa sucumbe fronte a As times goes bye. Moitos cineastas fixeron homenaxes a Casablanca e mesmo parodias. Varias veces se quixo repetir a fórmula pero algo o impide sempre, e anque se intentou colorear o orixinal, rodar unha secuela e mesmo un remake, ao final cancélanse os proxectos. Non se pode repetir a maxia do orixinal, que se estreaba aquel 26 de novembro de 1942 sen a menor intención de converterse nun clásico. Quizais porque non pretendía en absoluto ser unha historia de amor e o amor chega así, cando menos se espera.
Segue impactando a día de hoxe a química existente entre eles, non só a parella protagonista senón tamén con Paul Henreid e Claude Rains, que se incorporaron tarde á rodaxe e entraron directamente na escena do piano sobre estas liñas, a primeira que rodaron todos xuntos, e que segue sendo, 70 anos despois, tan contundente como o primeiro día.
Certo é que Bogart tiña que andar sobre caixóns porque Ingrid Bergman era moito máis alta, que ela lle chamou a Henreid "prima donna" e este a Bogart "actor mediocre". Certo é que tampouco a rodaxe foi exactamente ese "caos inspirado" que describín ao comezo, porque sempre houbo detrás de todo un produtor, Hal Wallis, coidando de que a cousa non se desmandase totalmente. E hai máis, moitos máis elementos para o debate, anécdotas interesantes, simpáticas e curiosas sobre esta película: o tipo de amizade/amor que une a Rick e Renault, o pasado misterioso que lle impide a Rick regresar a Estados Unidos, as frases célebres e en especial esa que sempre se cita pero en realidade ninguén pronuncia "Tócaa outra vez, Sam"... Todas estas cousas poden atoparse facilmente cunha procura na Rede, especialmente nunha data coma hoxe. Non é diso do que quero falar agora, quero aportar algo diferente.
Quero falar do amor verdadeiro, ese concepto tantas veces mencionado, denostado, idealizado, prostituído.
O amor verdadeiro existe, e se alguén o dubida non ten máis que ver esta película. Calquera é mellor persoa despois de ver Casablanca; comprende o que é o amor incondicional, que se produce sen máis como calquera fenómeno natural, o vento ou a chuvia; comprende que existe un sentimento que non nace só do instinto sexual pero o inclúe, non nace só do corazón pero o inclúe, o amor verdadeiro é aquel que consiste en encontrar á persoa amada, non en posuíla e gardala para sempre nin gozala con contrato de exclusividade senón simplemente en encontrala. Por iso sempre nos quedará París. É o simple feito de dúas almas que se encontran e se recoñecen como iguais, o que produce unha expansión enrxética que dá sentido á vida. Realmente non é importante, para a realización persoal, construír unha vida xuntos, o que importa é o recoñecemento. Podes pasar o resto da túa vida con esa persoa, será xenial, pero tamén pode que a vida vos separe e será xenial igualmente se sabes integrar a experiencia en toda a súa magnitude. O amor é ademais o arcano máis misterioso do tarot, onde se representa un triángulo cheo de significacións que desde hai séculos discuten os eruditos. Representa as decisións que continuamente tomamos na nosa vida, a encrucillada onde forzosamente temos que escoller un camiño, seguir un e deixar outro se queremos evolucionar. Tamén en Casablanca se presenta este triángulo. A decisión é inevitable, e a autenticidade da película reside na solución final, onde non se mata a ningún dos tres protagonistas como parecía necesario para resolver segundo o código moral da época, senón que os tres han de enfrontar a súa verdade interior ata as últimas consecuencias. Os tres forman parte da mesma gota cósmica que produce a vida, os tres son almas xemelgas se preferides a expresión. Rick admira a Viktor antes de descobrir que Ilsa viaxa con el. Ilsa ama a Víktor antes de coñecer a Rick, e tamén despois. Se a cousa fose tan simple como amar a un e deixar a outro, que un fose bo e o outro mediocre, ou que un deles morrese, a decisión de Ilsa non sería dolorosa. Pero está a dor de elixir, o desgarro de decidir e facer realidade despois a decisión. "Eu xa non podo máis. Ti terás que pensar polos dous" di ela, e dillo á persoa adecuada.
Non creo que ningún deles sexa un amargado o resto da súa vida, non creo que haxa aquí ningunha perda, ningunha derrota. Creo que este triple encontro contribuiu á madurez dos tres, emocional e espiritualmente.
......
Lectura complementaria: PAULO COELHO, Brida
.

Ningún comentario:
Publicar un comentario