A comezos do século XIX un grupo de trampeiros na América profunda ha de abandonar precipitadamente as peles que conseguiron e fuxir do ataque dos indíxenas. O guía resulta pouco despois ferido por unha osa. Como non poden deterse para coidar del nin tampouco cargar con el polos abruptos camiños que seguen, déixano ao coidado de dous voluntarios aos que lles pagarán moi ben. Traizoado e abandonado á súa sorte, malia todo o home sobrevive sorprendentemente.
The Revenant é unha película imprescindible. Non porque Leo estea inmenso, que o está. Non porque Tom estea inmenso, que o está. Non porque as paisaxes sexan dignas dun western de Anthony Mann, que o son, como tamén a trama, como tamén o ton narrativo, capaz de converter un western de espazos abertos nun agobio terriblemente claustrofóbico (cousa que só o gran Mann era quen de conseguir, ata agora, como en The Naked Spur, cinta que a min me veu á memoria varias veces vendo esta, e tamén Bend Of The River, outra das miñas favoritas). Digo que The Revenant é de visionado obrigado para todos os amantes do cine, e non porque estea nominada a unha chea de Óscars, que moitos bodrios teñen sido nominados tamén, iso non é o que a fai ser incluída neste blog, evidentemente. Nin porque resulta que a piratería a favoreceu, porque todos os que viron a cinta pirateada antes da súa estrea quedaron tan impresionados que acudiron despois ao cine ao vela, ese non é o asunto pero vale a pena tomar nota disto tamén.
Paga a pena ver este film por todo o anterior, sen dúbida, pola forza narrativa, pola beleza descarnada, agresiva, das súas imaxes. Tamén pola súa historia, e agora continúo en branco para non estropearlle o argumento a quen prefira gozar da historia sen spoiler. Se desexas lelo simplemente arrastra o cursor por riba do texto.
O ataque da osa é peza crucial da narración. A osa defende ao seu cachorro igual que Glass defende ao seu. Está rodado dunha maneira terrible, angustiosa, brutal, moi impactante visual e emocionalmente. Constitúe para min a secuencia crucial do film. Despois do ataque, Glass está a piques de morrer pero dalgunha maneira el se transforma en oso tamén, é enterrado para que morra e tamén encerrado nun inipi para que viva (en analoxía coa caverna onde o oso hiberna para renacer) gruñe e anda a catro patas cuberto por unha pel que lle dá aspecto de oso, e un cre estar perante un deses rituais chamánicos de morte por desmembramento e posterior fusión co animal de poder, pois o oso é, por moitas razóns, o animal de poder de Glass.
Quero agora reparar noutro asunto : non é unha historia de vinganza, por máis que se anuncie así, seguramente iso atrae xente ao cine, pero non se trata de vinganza senón de xustiza. Glass acusa ao asasino do seu fillo e quere que pague por iso, pero con lucidez extrema non fai estensivo o castigo ao pobre rapaz que obedecía ordes. Tampouco se queixa do que lle fixeron a el, intentar matalo, enterralo vivo, abandonalo sen medios de subsistencia e ferido de morte nun lugar inhóspito e rodeado de inimigos e de animais salvaxes: nótese que el perdoa todo iso como cousas da vida, nunca reclama polo que a el lle fixeron, só reclama pola morte do seu fillo. E esa é a razón de que eu considere que o Hugh Glass desta película (non sei o da vida real) é un bo exemplo de observador sabio de si mesmo e dos demais. Fitzgerald debe morrer, en pago pola vida de Hawk, nada máis, de maneira totalmente obxectiva e libre de odio. Debe morrer porque así non se crea karma con el, unha vida por outra e quedamos en paz. Pero Glass é capaz de perdoar, si, perdoar, non é un deses "heroes" cegos de raiba que tanto se estilan no cine norteamericano. Como se ve perfectamente na secuencia da morte de Fitzgerald.
Chapeau. Ao que conta e a como o conta. Sairás da sala reconciliado coa industria cinematográfica. E coa vida.
.............
Película baseada en feitos reais.
FICHA TÉCNICA: El renacido. Título original: The revenant. Dirección: Alejandro González Iñárritu. País: USA Año: 2015. Duración: 156 min. Género: Drama Interpretación: Leonardo DiCaprio, Tom Hardy, Will Poulter, Domhnall Gleeson, Lukas Haas, Paul Anderson. Guion: Alejandro González Iñárritu y Mark L. Smith; basado en la novela de Michael Punke.Fotografía: Emmanuel Lubezki. Música: Ryuichi Sakamoto y Alva Noto.Estreno en España: 5 Febrero 2016.

Ningún comentario:
Publicar un comentario