Comer... Non é doado atopar outra actividade humana que implique tan intensamente os cinco sentidos, e por iso todas as comidas teñen un gran poder evocador, como a madalena de Proust ou o ratatouille do fermoso filme de animación.
O que comes (cantidade, cualidade, frecuencia, compañía, etc.) reflicte moi ben quen es, amosa os teus desexos, os teus apegos, o afán por comer aquelas cousas de que careces na túa vida, por exemplo casos extremos e moi visibles: o tímido ou disconforme consigo mesmo que bebe para desinhibirse e ser outro, o amargado que devece polos doces... Algunhas persoas comen en exceso para calmar a súa ansiedade, outras cando padecen ansiedade "péchaselles o estómago".
A nosa relación coa comida é un espello da nosa relación con determinadas persoas ou situacións que non sempre sabemos xestionar; vese por exemplo nas leccións de supernanny cando lles ensina aos pais a gañarlles esa batalla da hora de comer aos seus fillos rebeldes; outro exemplo, bastante dramático, é o da anorexia e a bulimia; outro caso é o das persoas que deixan de inxerir determinados alimentos polas súas conviccións (por exemplo carne) ou tamén, e pódense atopar facilmente en internet, persoas que declaran non comer en absoluto porque o seu estadio de evolución espiritual é moi elevado.
Ademais non sempre é unha actitude consciente: hai persoas que comen pouco e aínda así engordan, outras por máis que coman non engordan nunca, ao parecer debido a que o corpo ten memoria, é dicir, todas as células do corpo teñen memoria, "o cerebro" non é o único que lembra cousas e as nosas actitudes vitais almacénanse non só "na cabeza". Por iso moitas dietas fracasan e os especialistas insisten en que non hai que "facer dieta" senón modificar hábitos alimentarios; isto é difícil de facer se non se mudan tamén as actitudes e crenzas que conduciron a desenvolver eses hábitos alimentarios en concreto e non outros.
Son moitas as citas de personaxes célebres sobre a comida, entre elas "que o teu alimento sexa a túa medicina" (Hipócrates), "de todo en prato pequeno" (Dr. Cobián) , "o importante non é o que se come senón como se come" (Epícteto)... Todas apuntan a comer con sentido común e sen apegos, sen afán compensatorio nin necesidade de demostrar nada coa comida, comer simplemente para alimentarnos, manternos sans e continuar desenvolvendo con satisfacción as demais actividades da nosa vida.
Para rematar recoméndovos un blog, gominolas de petróleo, onde atoparedes información amena e fiable sobre o que comemos, como se elaboran e conservan os alimentos e se son certos ou non moitos mitos que circulan por aí (Son de petróleo as gominolas? De verdade non se pode volver a conxelar un alimento desconxelado? Cómese a codia do queixo?)
Fermosa película sobre o pracer de cociñar, de comer, de facer amigos, atopar a túa vocación e atreverte a seguila, autorrealizarte malia as dificultades, ser sincero, valente e feliz (Case nada!)
A miña escena favorita é a do crítico gastronómico cando proba o ratatouille do título... e todo o que escribe despois ... Guau ...

Ningún comentario:
Publicar un comentario