2 de set. de 2023

Lendas sobre Ganesha


    Continuamos falando de Ganesha, Señor dos Éxitos e Destrutor dos Males e Obstáculos. Xa vos contei algunhas cousas sobre a súa aparencia e hoxe quero preguntarvos se vos fixastes ben nel, por exemplo na forma da súa trompa, que reproduce o símbolo sánscrito Omkara (Om, símbolo sonoro da realidade cósmica que encerra o pasado, o presente e o futuro). E xa reparastes en que ten o dente esquerdo partido? Vouvos contar por que, aínda que como sempre, existen varias versións, pois así son os mitos antigos: transmitidos oralmente desde tempo inmemorial, vanse modificando con cada narrador...

    De entre as moitas versións que se contan, a miña favorita di que o propio Ganesha arrincou un dente para escribir con el o Mahabharata, o gran poema épico da India, que é por certo a epopeia máis longa do mundo. Dise que o Mahabharata foi ditado polo ancián sabio Vyasa a Ganesha, xa que ningún ser humano normal podería escribilo. Un día o sabio Vyasa aproximouse ao deus creador Brahma e díxolle: «Oh, Señor, estou acabado: a miña intelixencia e a miña memoria desapareceron, por favor dime que debo facer». O deus respondeulle: "Oh, Vyasa, non sabes que todos os problemas xorden por esquecer ao Señor Ganesha? Ao iniciar calquera rito, actividade produtiva ou social, ao entrar nun novo fogar ou construción, e ao comezar calquera labor que teña como finalidade o coñecemento, destruiranse os obstáculos se lembras a Ganesha. Refúxiate nel, venérao e serás quen de realizar o teu propósito. Se non o fas así, anque o intentes durante un millón de anos, non lograrás o éxito completo». Así o fixo Vyasa e pouco despois acudiron as ideas á súa mente, pero a unha velocidade tan excesiva que escribilas era imposíbel. Vyasa orou a Ganesha e o deus apareceu ante el. O sabio pediulle:
    «Oh, Señor, serías tan amábel de tomarme o ditado?».
    Ganapati sorriu e dixo: «Fareino, pero non debe haber pausa nin interrupción».
  Vyasa respondeulle: "Moi ben, Señor, daquela prégoche que só escribas despois de comprender todo o significado, literal e simbólico, do que che dite".
    Ganesha estivo de acordo, Vyasa ditaba e el copiaba, pero era tal a velocidade da escrita que a pluma do deus rompeu! Como Vyasa seguía ditando sen interrupción, Ganesha partiu o seu dente esquerdo e continuou a escribir con el, usando o seu propio sangue como tinta. Entón Vyasa, vendo que o deus escribía á mesma velocidade do seu pensamento, como non lle daba tempo de compoñer novos versos, púxose a ditarlle algúns con 108 significados. Así, mentres Ganesha se detiña para meditar neles, o sabio compuña outros mil versos co seu poderoso intelecto... Así foi escrito o famoso Mahabharata. 


          Tense dito que todos os hindús veneran a Ganesha, indistintamente da súa crenza relixiosa. É un deus moi querido, e non só na India, tamén en Indonesia, Tailandia, Camboia, Sri Lanka, Vietnam, China, Afganistán, Malasia, Singapur, Nepal, Xapón e Mongolia. Foi incorporado ao budismo, e o seu culto foise espallando a medida que o budismo se divulgou polo mundo enteiro. En occidente a súa imaxe foise transformando ata converterse no amuleto elefante que todos coñecemos e durante a primeira metade do século XX o elefante da sorte adquiriu gran popularidade en forma de figuras de marfil, prata, ónice, ébano, etc. Disque para dar boa sorte a figura do elefante debe estar en posición de marcha e coa trompa levantada dobrada cara atrás, así a trompa levantada impide que a boa sorte se escape e se vaia cara abaixo desaparecendo. Estas figuras son frecuentes no interior das nosas casas, de fronte á porta principal, para manter afastadas as catástrofes e atraer a prosperidade. Seguro que as tes visto. Aínda poida que tamén na túa casa estea Ganesha gardando a porta...

Ganesh Chaturti 2023

Ganesha é famoso por eliminar todos os obstáculos do noso camiño, material e espiritual, e en todo o mundo se considera un deus da boa sorte, que outorga prosperidade e fortuna en todos os ámbitos da vida. Por iso se invoca antes de iniciar unha actividade importante, mundana ou espiritual, para que todo obstáculo sexa eliminado e a boa fortuna se alcance fácilmente en todo o que se realice (sempre que se intente conseguir algo bo e puro, porque se non o propio Ganesha porá toda clase de obstáculos e impedimentos, para que non se faga nada egoista, prexudicial para nós mesmos ou para outros, ou simplemente non auspicioso).



As figuras de Ganesha adoitan ter catro brazos para simbolizar a divinidade, un arquetipo cargado de múltiples significados e simbolismos para expresar un estado de plenitude, así como os medios para obtela. Nel atopamos o perfecto equilibrio entre as enerxías masculina e feminina, entre forza e beleza, e a capacidade discriminativa entre o real e o irreal. En todo caso e sobre todas as cousas, Ganesha é a representación de quen descubriu a divinidade dentro de si mesmo.

A representación máis frecuente de Ganesha é un mozo feliz, alegre, coa pel vermella ou sonrosada, gran barriga de satisfacción e prosperidade e un ratiño aos seus pés. Ten cabeza de elefante, cun dente enteiro e outro partido (si, dente, pois resulta que os prezados cairos dos elefantes non son tales) e a súa fermosa trompa reproduce o símbolo OM.

Cada unha das súas catro mans expresa un concepto diferente, normalmente os seguintes:
 - Na primeira man leva unha corda para conducirnos, igual que o gado, polo camiño certo.
 - Na segunda man algúns din que un machete, para remover os obstáculos, ou cortar as nosas ataduras, apegos, etc. todo o que nos lastra. Outros consideran que é unha aguillada.
 - A terceira man suxeita unha cunca de laddu, un dos seus doces favoritos (feito con fariña de garavanzo, mantequilla frita, leite condensado e froitos secos) para recompensarnos, porque o camiño espiritual é gozoso.
 - A cuarta man bendícenos, cun mudra que significa "non temas".


Coa última lúa crecente do verán celébrase o festival de Ganesh Chaturthi, tamén chamado Vinayaka Chaturthi. Os festexos, esténdense por dez días, nos que seguindo a tradición se realizan rituais e ofrendas a figuras de Ganesha realizadas con barro especialmente para a ocasión. No último día das festas, as figuras tíranse á auga, sexa no mar ou no río, como símbolo do deus que marcha levando consigo todos os problemas dos devotos. Cada ano a data da celebración é diferente para os que temos o calendario gregoriano, o usado en Occidente. Este ano coincide do 19 ao 29 de setembro.

1 de set. de 2023

Ganesha

Aproxímase o aniversario de Ganesha, unha das grandes festas do mundo hindú. Hai varios anos que eu tamén o celebro, e este ano vouvos explicar como, e por que. Pero primeiro vouvos contar algunhas cousiñas sobre quen é Ganesha.

A pesar do que popularmente se cre en Occidente, a relixión hindú é monoteísta. Existe unha forza suprema, Atman, o Absoluto, que é eterno, invariable e sen forma. Sendo así evidentemente non pode representarse dunha maneira concreta porque iso o limitaría moito, por iso hai diferentes imaxes, "deidades" que representan diferentes aspectos e cualidades dese Absoluto.
O territorio da India é realmente extenso e dependendo de moitos factores locais atópanse deidades diferentes, ou tamén a mesma deidade pero con outros nomes e atributos. Malia esta variedade, hai unha imaxe que pode atoparse en toda a India con poucas variacións: Ganesha, o deus con cabeza de elefante.
En sánscrito a silaba "Ga" simboliza Buddhi (intelecto) e a silaba "Na" simboliza Vijnana (sabedoría), polo tanto o nome Ganesha expresa que é o mestre da intelixencia e a sabedoría. Soe levar o prefixo Sri, un título hindú de respecto. Tamén pode levar os epítetos Vinayaka (señor de todos os seres), ou Ganapati (condutor das tropas celestiais).
As figuras de Ganesha adoitan ter catro brazos para simbolizar a divinidade, aínda que existen figuras con 6, 8, 12 e 16 brazos, cada man cun obxecto diferente, existindo un número de ata 57 obxectos ou símbolos nas distintas representacións coñecidas de Ganesha. Unha descrición de todas as características e atributos de Ganesha pódese atopar no "Ganapati Upanishad", antigas escrituras do rishi (gran vidente) Atharva, onde Ganesha é identificado co Atman (o supremo espírito, que é eterno, sen xénero, omnipotente, omnisciente, inmutable, infinito, inmanente e realidade trascendental que é a base divina de todo o que existe no universo). Tamén é descrito como a fonte, causa e suma de todo o que está delimitado polo espazo e o tempo no cosmos, asi como o ser de infinita consciencia e gozo.
Como no caso de calquera outra representación de deus, Ganesha é un arquetipo cargado de múltiples significados e simbolismos para expresar un estado de plenitude, así como os medios para obtela. Nel atopamos o perfecto equilibrio entre as enerxías masculina e feminina, entre forza e beleza, e a capacidade discriminativa entre o real e o irreal. En todo caso e sobre todas as cousas, Ganesha é a representación de quen descubriu a divinidade dentro de si mesmo.
A representación máis frecuente de Ganesha é un mozo feliz, alegre, coa pel vermella ou sonrosada, gran barriga de satisfacción e prosperidade, unha cabeza de elefante cun só cairo e un ratiño aos seus pés. Cada unha das súas mans expresa un concepto diferente, normalmente os seguintes:
 - Na primeira man leva unha soga para conducirnos, igual que o gado, polo camiño certo.
 - Na segunda man un machete, para cortar as nosas ataduras, apegos, todo o que nos lastra.
 - A terceira man suxeita unha cunca de laddu, un dos seus doces favoritos (feito con fariña de garavanzo, mantequilla frita, leite condensado e froitos secos) para recompensarnos, porque o camiño espiritual é gozoso.
 - A cuarta man bendícenos, cun mudra que significa "non temas".



O culto a Ganesha está ampliamente difundido fóra da India en toda Asia e en anos recentes chegou aos paises occidentais. Aos seus devotos denomínaselles Ganapatyas.

Como Ganesha elimina todos os obstáculos do noso camiño material e espiritual, en todo o mundo se considera un deus da boa sorte, que outorga prosperidade e fortuna en todos os ámbitos da vida. Por iso o invocan antes de iniciar unha actividade importante, sexa mundana ou espiritual, para que todo obstáculo sexa eliminado e a boa fortuna se alcance fácilmente en todo o que se realice (sempre que se intente conseguir algo bo e puro, porque se non o propio Ganesha porá toda clase de obstáculos e impedimentos, para que non se faga nada egoista, daniño para nós mesmos ou para outros, ou simplemente non auspicioso).

Para invocar a Ganesha séguense as mesmas regras básicas que para calquera divinidade. É conveniente, antes da invocación, realizar algunha ou todas as seguintes recomendacions para lograr unha mellor comunicación: Tomar un baño, lavar a boca e poñer roupa limpa. Ter unha imaxe, ou símbolo de Ganesha nun altar para axudar á concentracion. Realizar ofrendas: auga, flores, incienso, candelas, froitas, doces, comida... calquera cousa especial ou de valor para nós.
Desde o punto de vista maxico é mais propicio invocalo polas mañás antes do mediodia e aínda mellor durante o periodo da lúa crecente, desde a lúa nova ata a lúa chea. Pero desde o punto de vista relixioso Ganesha está sempre dispoñible en todo momento para escoitarnos, con ou sen ritual, sexamos hinduistas ou non, simplemente con que exista un desexo real e puro de comunicarse coa enerxía cósmica que rexe este universo e todos os demas universos paralelos e dimensións.

"Om Gam Ganapatye Namah" 

Os mantras son frases en sánscrito (antigo idioma da India) escritas polos grandes sabios e videntes da antigüidade. Ao pronuncialos estableces comunicación directa coa entidade invocada. Simplificando moito, podería compararse remotamente ao que en occidente se considera un "conxuro", que atrae as vibracións do universo para conseguir un obxectivo concreto. O xeito de pronunciar un mantra é facelo 11, 21, 51 ó 108 veces. Canto máis se pronuncie un mantra mais enerxía atraemos ao noso ambiente, ao noso corpo, mente e espiritu, e iso gradualmente fará que vivamos en sintonia coa deidade invocada. No caso dun mantra de Ganesha, fará que calquera obstáculo no noso camiño material ou espiritual sexa eliminado. Hai quen recomenda comezar un Luns ou Xoves. Despois de pronunciar este mantra diariamente, inclusive durante as actividades cotiás, logo dunhas semanas podes ver os resultados e o que parecía un problema ou obstáculo solucionouse.

CONTINUARÁ

31 de ago. de 2023

O nacemento de Ganesha

Ganesha é o deus hindú que representa o uso do intelecto e a vontade para a superación de obstáculos. Tamén se relaciona co chakra mūlādhāra (raíz) asociado á procreación, a seguridade e o instinto de supervivencia.
  O elefante é un dos animais máis venerados na India, pola súa nobreza e intelixencia. Considérase a Ganesha como o máis intelixente dos deuses e é o protector dos escritores e os literatos, do coñecemento en xeral e de todas as artes. Tamén cómpre ser intelixente para facer negocios, polo tanto é o deus dos comerciantes. Como concede a riqueza aos que a merecen polo seu traballo, fánselle pregarias antes de empezar calquera nova empresa. Nas viaxes e nas vodas é a deidade presente e en xeral, sempre antes de comezar calquera actividade é costume encomendarse a Ganesha, o destrutor de obstáculos.
  Hai varias versións do nacemento de Ganesha, fillo de Shiva e Parvati. Cóntase que a deusa Parvati o creou mentres o seu esposo estaba nun dos seus frecuentes retiros de meditación, ou segundo outras fontes, na guerra. Parvati tomou cinza da que puxera no peito o seu marido, como fan na India todos os ascetas, e engadiulle unhas pingas de auga que recolleu do seu propio corpo despois de bañarse. Amasou todo aquilo e fixo un fermoso rapaz, Ganesha.
  Un día Parvati foise bañar e pediulle a Ganesha que vixiase a porta principal. Nese momento Shiva regresou, Ganesha non o coñecía e prohibiulle o paso. Houbo unha gran loita e Shiva decapitou ao mozo insolente que lle impedía entrar na súa propia casa.
  Ao ver o sucedido Parvati enfureceuse e despois rompeu a chorar mentres abrazaba o corpo acéfalo do seu fillo. Vendo a dor da súa amada, Shiva ordenou aos seus gardas que lle trouxesen a cabeza do primeiro ser que atopasen durmindo cara ao norte. Os soldados atoparon un elefante e trouxeron a súa cabeza. Shiva tomou a cabeza do animal e pegouna ao corpo do mozo, resucitouno e nomeouno pati (líder) das súas tropas. Esta historia explica por que nas casas hindús hai unha estatua de Ganesha sobre a porta, protexendo a entrada das enerxías negativas.
  O nacemento de Ganesha conmemórase o cuarto día da última lúa crecente do verán. Este ano cae o 19 de setembro.

Shiva, Parvati e Ganesha, a Sagrada Familia hindú

13 de set. de 2019

Crenzas, espectativas e outros limites

Como docente coñezo de sobra o fenómeno das profecías autocumpridas e procuro evitar que xogue en contra miña ou dos meus alumnos, anque todos os días me topo con algún exemplo.

Nos anos sesenta, os psicólogos Rosenthal e Jacobson demostraron que os prexuízos dos profesores sobre os seus alumnos inflúen no seu rendemento. Déronlles aos profesores a información de que certos estudantes eran mellores ca outros, e como resultado os profesores sen se decataren comezaron a comportarse de xeito diferente con eles, tanto que isto acabou repercutindo no éxito deses estudantes. Os profesores dan máis ensinanza ao alumnado do que esperan máis, propóñenlle retos maiores e anímanos a encontrar a resposta correcta. O sociólogo Robert Merton nos anos 80 denominou “Efecto Pigmalión” a este fenómeno: as persoas con espectativas positivas sobre os seus fillos, alumnos ou colaboradores xeneran un mellor clima nese grupo, entregan máis información, dan mellor retroalimentación sobre os resultados acadados, e na mesma cando unha persoa ten altas espectativas sobre si mesma o seu esforzo vai ser alto e conquerirá logros maiores.

Absolutamente todas as persoas teñen algunha habilidade ou potencial. Moitas veces o problema non reside na falta de talento senón no descoñecemento de nós mesmos, de cales son os nosos talentos. Véxoo a cotío nos meus alumnos e alumnas, que repiten cousas horribles como "Eu non sei o que quero ser de maior, a min non me gusta nada e non se me dá ben nada". Pero non é só unha etapa adolescente, tamén hai moitos adultos que teñen crenzas deste tipo sobre si mesmos e malviven en traballos, relacións persoais e actividades de todo tipo moi insatisfactorias, soportando o indicible, sobrevivindo un día máis e incapaces de soñar sequera ningunha alternativa. Estas persoas son vítimas das súas crenzas limitantes,  como "non sirvo para outra cousa", "ninguén me vai querer a min", "xa é tarde para cambiar", e pensan que se trata de feitos obxectivos, de verdades extraídas da súa experiencia, cando en realidade son produtos da súa mente subxectiva e en absoluto inmutables.


Existen moitas técnicas, como PSY-K e outras, útiles para deixar atrás estas crenzas que te prexudican e así alzar o voo, poñer en movemento todo o teu potencial. Máis información na páxina acompañamento.


28 de ago. de 2019

Non importa o lento que vaias mentres non pares

Con esta cita de Andy Warhol quero animarte a afrontar as dificultades e perseverar no camiño que elixiches se realmente esa é a elección sincera da túa alma.

Nabokov pasou cinco veces polo rexeitamento editorial antes de publicar "Lolita"; J.K. Rowling tivo que encaixar doce negativas editoriais para Harry Potter; vinte negativas recibiu William Golding para "O señor das moscas" e nada menos que 30 recibiu "Foise co vento". Outros ilustres rexeitados polas editoriais son D. H. Lawrence, Herman Melville, George Orwell, Kurt Vonnegut... e o premio é para Marcel Proust, quen finalmente tivo que autopublicar.

25 de ago. de 2019

Ego sum


O EGO está moito máis interesado na súa propia conservación 

que na verdade (Eckhart Tolle)

22 de xul. de 2019

Mirar atrás, mirar adiante

Non podes borrar o pasado, comprendo o que me dis, que a túa vida é consecuencia dunha serie de malas decisións pasadas que agora te limitan, pero mentres sigas vivo aínda terás decisións por tomar: céntrate nelas, e comeza hoxe a crear un futuro diferente. O teu presente de hoxe pode un día converterse nun pasado do que estar orgulloso.


8 de xul. de 2019

10 crenzas disfuncionais e como eliminalas

Albert Ellis, na súa terapia racional emotivo-conductual, identificou unha serie de crenzas disfuncionais que as persoas adoitamos ter, son coma un lastre que arrastramos, nos limitan e nos amargan a vida.

Algunhas das máis frecuentes son:

1. A necesidade de ser amado, valorado ou sequera aceptado por todas as persoas importantes da contorna.
2. A obriga de ser competente e non ser un "fracasado".
3. Que se debe actuar sempre do xeito correcto, sen facer a vista gorda ante ningún erro.
4. Que sería perfecto que os demais fosen como nós queremos que sexan.
5. Que os estados emocionais obedecen a causas externas e non podemos facer gran cousa para actuar sobre eles.
6. Que é prudente e recomendable preocuparse reiteradamente por todas as cousas que poden saír mal.
7. Que o mellor é evitar as dificultades da vida en vez de afrontalas.
8. Que o noso pasado determina o noso futuro, e as cousas que saíron mal antes, volverán saír mal.
9. Que é lóxico sentirnos molestos polos defectos dos demais.
10. Que hai sempre unha solución correcta e perfecta aos problemas e sería un erro aplicar calquera outra.


Non sería xenial que alguén nos axudase a detectar cales son esas crenzas limitantes que temos instaladas na cabeza, coma se dun programa informático se tratase, e a desinstalalas? Pois en efecto, esa posibilidade existe, e asegúrovos que constitúe un alivio enorme. En primeiro lugar hai que localizar esas crenzas ou "programas". Pode facerse de moitas maneiras: ás veces unha persoa xa sabe, pola propia observación, cales son; por exemplo, cando ti sabes que hai algo que che dá medo facer pero che gustaría poder facelo (declararlle o teu amor a unha veciña, presentarte para unha entrevista no emprego dos teus soños, cantar en público...) Neste caso é fácil, trátase de concretar a crenza que che impide facer o que queres (eu son feo, eu son torpe...) e eliminala. Outras veces ti sabes que hai algunha área da túa vida que non funciona pero ignoras o motivo (co ben que se me dá o meu traballo como é posible que nunca consigo o ascenso que merezo; co ben que me relaciono e socializo como é posible que non encontre noiva; etc) Neste caso é necesaria a intervención externa, por exemplo dun terapeuta que che axude a localizar a crenza, ben sexa a través de longas conversacións ata que ti mesmo te decates, ou a través doutros medios e tests; por último, pode ser que a crenza estea a nivel subconsciente e ti insistas en negala, como por exemplo a idea "eu non merezo ser feliz", que ten implantada moita máis xente do que en principio sería lóxico pensar. Neste último caso a mellor maneira de que a persoa tome consciencia desta crenza é amosarlla mediante un test kinesiolóxico para que vexa a súa propia reacción corporal perante esta frase e comprenda, e acepte, e estea en condicións de elixir cambiar. Unha vez localizada a crenza pode desinstalarse por moitas vías. Unha das máis efectivas é PSY-K®, técnica que me encanta realizar. Os procedementos de PSY-K®, chamados balances, son moi fáciles, rápidos, cómodos e ata pracenteiros. Ademais de permitir ver fisicamente coas respostas do teu corpo o efecto da crenza que se trata, cousa realmente fermosa, teñen outra vantaxe nada desprezable, consistente en que se pode realizar o cambio, superar un medo, fobia ou trauma, sen pasar por el de novo, sen revivilo, sen contarllo a un terapeuta en interminables e dolorosas sesións. O facilitador de PSY-K® non necesita coñecer os detalles da experiencia traumática para axudarte a sanala, polo que se trata dun método moi amoroso, especialmente indicado para as situacións máis delicadas.

24 de xuño de 2019

Variantes vitais

Propóñovos esta lectura para o verán:

EL ESPACIO DE LAS VARIANTES

Podedes atopar información sobre a triloxía, e sobre o seu autor, facilmente en internet, por exemplo neste blog: Crea tu destino


6 de xuño de 2019

Como usar un idioma ou outro inflúe no pensamento


Ocórrenseme moitas preguntas sobre este tema, por exemplo que pasa cos falantes diglósicos, non digo os bilingües porque estes usan un idioma ou outro, pero que ocorre no caso dos diglósicos perpetuos, coma os galegos, que sempre estamos a pensar simultaneamente en dous idiomas.

19 de maio de 2019

O mito dos 21 días

Existe un mito moi estendido, que asegura que abondan 21 días para converter un comportamento determinado nun hábito. Lamento dicirche que non é certo.
Este mito ten a súa orixe nunha mala interpretación do traballo do doutor Maxwell Maltz, autor do famoso libro Psycho Cybernetics (1960). O Dr. Maltz era cirurxián plástico e observou que os seus pacientes tardaban 21 días en habituarse á súa nova imaxe tras unha operación, ou en deixar de sentir un membro pantasma tras unha amputación. Servíndose das súas observacións e a súa propia experiencia, expuxo unha teoría que trala publicación do seu libro tivo un enorme impacto. Pero en realidade o que Maltz dixo é que se tardaba, como mínimo, 21 días en xerar un hábito. Traballos posteriores non confirmaron o mito dos 21 días. De feito outras investigacións, como as de Phillipa Llay, apuntan a que se tarda uns 66 días de media en formar un hábito, aínda que en última instancia todo depende da acción en si, da persoa e da circunstancia. 
Formar ou cambiar un hábito é un proceso que require moita perseverancia.

12 de maio de 2019

Presente

 A mente non está deseñada para estar no presente, o seu cometido é reunir datos, comparar e analizar, por iso case sempre está ou ben revivindo o pasado ou ben imaxinando o futuro. O pasado trae consigo a falacia de que se repetirá, o futuro trae a falsa ilusión de que se o planifico moito con antelación terei o control do que pasará. Ambos supostos son falsos e nos afastan da única realidade, que é AGORA. 

 Non é doado estar presente, a mente foxe sempre do momento presente e temos que facer o esforzo de estar aí. Tenta de permanecer algún tempo presente cada día. Respira e dáte conta do percorrido do aire no teu interior, dos músculos implicados no proceso, da calidade e temperatura do aire cando entra e cando sae de ti. Mira con atención o mundo ao teu redor, proba sabores novos ou pecha os ollos e saborea intensamente comidas xa coñecidas nas que descubrirás matices diferentes. Igualmente cos olores: proba non só cunha flor ou cun prato de comida senón tamén cousas que nunca te paraches a ulir, os mobles da túa casa, os bancos do parque, o ambiente
dos distintos lugares polos que pasas ao longo do día. Practica ioga, taichi ou calquera actividade que che axude a ser mais consciente de ti mesmo. Tamén podes facer unha actividade cotiá esaxeradamente despacio para decatarte ben de todo o que implica.

 Por último, e cando xa teñas algún dominio sobre a túa mente, practica a presenza plena coa persoa con quen esteas falando, pon atención nela e non nos teus contidos mentais, escóitaa de verdade e non esteas pensando no que vas dicir ti a continuación, míraa aos ollos e empápate do que di, como e por que o di. Entón as túas interaccións cos demais serán de calidade, e non unha longa serie de monólogos simultáneos.




10 de maio de 2019

Adicto a ti mesmo

Quizais xa te decataches de que en parte viviches unha vida falsa, segundo os estándares dos teus seres queridos e da cultura en que te educaron. Poida que revisases a túa infancia e xa comprendas como influíron en ti os teus pais; poida que mendigases afecto de moitos xeitos, atormentado durante anos pola culpa, ata que un día reuniches o valor necesario para aceptarte a ti mesmo e poñerte no centro da túa procura. Pero a empresa de afondar na túa espiritualidade e no sentido da vida pode conducir a outro calello sen saída: a adicción a ti mesmo.

Un dos síntomas desta adicción é o consumo de produtos espirituais, charlas, obradoiros, retiros, terapias, actividades que te sacan da crúa realidade e en certo sentido constitúen un comportamento de evitación. 

Se observas atentamente ás persoas involucradas nestes camiños (e a ti mesmo) poderás ver o cultivo dunha autoimaxe construída con conceptos espirituais. Este ego espiritual pode manifestarse cunha linguaxe especial, unha estética particular, uns hábitos dietéticos, etc. 

Mencionar o ego nos círculos espirituais é ao mesmo tempo unha moda e un tabú: parece que ter un ego é unha falta grave cando todos o temos, máis ou menos forte, máis ou menos evidente ou escondido tras unha aparencia espiritual. 

Ao mergullar na propia espiritualidade debería influírnos menos o ego, pero nada garante que sexa así. En teoría canta máis espiritualidade máis a persoa se sente en conexión con todo alén de si mesma, máis espiritualidade implica unha redución do narcisismo en todas as áreas da vida. Pero en que consiste esa espiritualidade? Porque non importa o tempo que dediques á túa procura espiriritual senón a onde dirixes a túa atención. 

Pregúntate en que medida a imaxe que proxectas quere xerar un efecto, e ata que punto subscribes a idea de que agora estás máis “evolucionado” que antes por ter unha práctica en concreto, absorto nos teus estados interiores e o culto a ti mesmo.

8 de maio de 2019

Este pandeiro que toco

A gran difusión dos tambores de marco circulares, que abrangue practicamente toda Eurasia e o norte de África, e os tempos antigos a que estes se remontan en todas as culturas nas que aparecen, pode indicar que pertencen a un estrato cultural moi anterior ao desenvolvemento das grandes culturas do Mediterráneo e que estaban presentes en moitas delas antes de comezar a ter datos históricos sobre eles. Resulta estraño pensar nunha cultura musical que non empregue instrumentos de percusión para acompañar o canto. Así, inclinámonos a pensar que estes tambores de marco circulares eran xa coñecidos por todas as culturas onde aparecen desde polo menos principios do neolítico e que, por tanto, tamén o foron en Galicia antes da chegada dos romanos. Pero nin as novas que temos da música prerromana en Galicia mencionan os tambores circulares, nin as iconografías peninsulares da época conteñen estes instrumentos, polo que a hipótese da expansión destes instrumentos polo Mediterráneo en mans fenicias ou romanas cobra forza.

Como xorden estes instrumentos? Sospéitase que a súa orixe está intimamente ligada ao desenvolvemento da agricultura hai uns oito milenios, pola a semellanza morfolóxica e construtiva entre os cribos e peneiras e os tambores de marco circulares que resultarían de aproveitar estes útiles para acompañar o canto. Ademais soían ser fabricados polo mesmo tipo de artesáns: os peneireiros, estreitamente relacionados aínda co ciclo dos cereais. Nalgunhas culturas norteafricanas, nomeadamente na bérber, o uso colectivo dos tambores de marcos circulares está aínda intimamente ligado aos traballos agrícolas.

De ser certa esta orixe nas ferramentas de limpeza do cereal, en Galicia gardaríase a memoria de toda unha secuencia evolutiva ancestral que iría desde estas ferramentas agrícolas, pasando polos pandeiros ata as modernas e pequenas pandeiretas.

"Meu pandeiriño redondo,
 moito traballo che dan,
 de noite tocas na ruada,
 de día limpas o gran.
- ¿Tocamos, Manuela?
 - Tocamos, Benino:
Ti toca o pandeiro
que eu toco co cribo."

É lóxico que estes instrumentos redondos coma o sol e asociados ao cereal e á colleita se empregasen nos cultos de tipo solar, e tamén probablemente lunar, pois a lúa tamén se tiña en conta para a sementeira e está intimamente relacionada coa fertilidade.

Grandes tambores de marco circular aparecen documentados por primeira vez en Mesopotamia hai máis de 6000 anos, anque isto non significa que teñan alí a súa orixe; as fortes relacións prehistóricas do pobo sumerio con Exipto parece que propiciaron a aparición deste tipo de instrumentos no país dos faraóns, onde se tocaron enormes tambores de marco durante o Imperio Antigo (2700-2200 a.C). Co decorrer do tempo estes tambores foron minguando en tamaño. Durante o Imperio Novo (1550-1070 a.C.) fixéronse moi abundantes, máis que ningún outro, diminuíndo aínda máis o seu tamaño. Os tambores de marco exipcios recibiron o nome de teben, malia haber inscricións máis antigas nos que se denominaban ser. Soamente as mulleres os tocaban, pero por veces represéntase o deus Bes cun tambor de marco, quizais porque na mitoloxía exipcia este deus protexía as parturientes e os acabados de nacer.

Durante este período de tempo os fenicios estiveron en estreito contacto coa cultura exipcia, sendo moi posible que adoptasen os tambores de marco e os fosen espallando por todo o Mediterráneo xunto con outros instrumentos musicais tamén exipcios como os sistros ou os clarinetes duplos. Consérvanse innumerables estatuíñas fenicias nas que se poden ver mulleres tocando tambores de marco circulares.

Ben fose por influencia fenicia, ben porque os seus poboadores xa os coñecían desde o neolítico ou mesmo antes, o caso é que gregos e romanos fixeron tamén abundante uso dos tambores de marco circulares. En Roma foron coñecidos co nome de tympanum, en Grecia co de tympanon. En ambas culturas son ben coñecidos nas iconografías sobre vasos, pinturas murais, mosaicos etc., onde por veces as súas pelicas aparecen pintadas con motivos xeométricos, os marcos ricamente ornamentados e con fitas penduradas. Os documentos conservados amósannos os tambores circulares ligados á escena e aos cultos relixiosos, sendo mulleres as tocadoras por exemplo tanto no culto a Dionisos coma no de Cibeles.

En todas as culturas, modernas ou antigas, onde aparecen estes instrumentos musicais, redondos ou cadrados, o xeito de tocalos é idéntico: sostéñense coa man esquerda e bátese na pel coa man dereita, ben directamente cos dedos, ben empregando un pauciño.




Non deixes de visitar




7 de maio de 2019

Entremundos

Non é doado falar da morte. De todas as cousas difíciles das que se pode falar esta é posiblemente a peor porque toca demasiados motivos de dor e polémica:
- os medos de cadaquén
- os sistemas de crenzas máis arraigados da xente
- as necesidades do ego
- o pudor de dicir abertamente o que de verdade pensamos e sentimos
- as limitacións autoimpostas á nosa capacidade de percibir alén dos ollos e por suposto á expresión desta percepción
- o pensamento dominante na nosa sociedade
- o políticamente correcto
...
Estou moi agradecida porque tiven a oportunidade de acceder á aprendizaxe dalgunhas técnicas xamánicas que me cambiaron a vida e espero que tamén, algún día, a morte. É posíbel axudar ás almas a atravesar o umbral, e ver como ingresan na luz para ir ao encontro do seu Ser Superior é unha das experiencias máis fermosas e conmovedoras que existen. Tamén é un consolo, incluso un motivo de ledicia, saber que non vagará entre as sombras, que non rondará aos seus seres queridos atormentándose e atormentándoos sen saber se está viva ou non (películas como "Nosso Lar",  "O sexto sentido" e "Os outros" son moi exactas no que pode pasar tras unha morte difícil de integrar pola consciencia, sexa porque foi repentina ou porque esa mente non cría que houbese "nada" despois da morte e se encontra nunha situación que non sabe asimilar e xestionar).
Agradezo aos meus mestres e mestras polas ensinanzas transmitidas e agradezo ás almas que me permitiron exercer de guía nun momento tan delicado da súa viaxe como é o entremundos.
Hoxe só sinto amor e gratitude, e unha sensación de comuñón con todo canto existe que quero compartir convosco, na esperanza de que poidades sentir o mesmo.


6 de maio de 2019

Aprendendo a recibir

Talvez a educación que nos deron nos programou para dar: dar sempre foi entendido como xenerosidade, humildade, amabilidade, etc. Esa programación que nos inculcaron leva a desatender o noso propio benestar: sobrevalorando o feito de dar aos demais, esquecemos aprender a recibir. 

Compróbao en ti mesmo: como vives os eloxios, regalos e felicitacións que outros che dan? Es dos que insiste en darlles razóns para que deixen de eloxiarte? Refírome por exemplo ao caso dos que traballan duro e cando os felicitan responden “non foi nada”. Tamén a cando os teus amigos queren darche algo, un regalo polo teu aniversario ou simplemente porque si, sen motivo aparente: é unha expresión do seu afecto e non debe tomarse á lixeira. 

É mellor aceptar os eloxios, recibir con humildade o que che ofrecen, asumir que o mereces, respectar a opinión dos demais sobre a túa valía e simplemente agradecer as súas mostras de afecto. 

Se non te sentes valioso, entón é comprensible que non queiras recibir, pero nesta vida ti formas parte do fluxo de enerxía que se move no proceso de dar e recibir. Cada vez que te empeñas en rexeitar o que a vida ten para ti, interrumpes o fluxo de enerxía universal. Pénsao ben: non pode ser máis valioso dar que recibir, non podemos estar todos dando se non hai ninguén que reciba. Se dar é tan importante, debemos colaborar en que iso siga sucedendo poñéndonos en situación de recibir, para permitirlle ao outro o acto de dar. 

Se alguén dá e non hai ninguén que reciba: está realmente dando? É imposible dar sen que alguén reciba, polo tanto debemos aceptar o rol de recibir como igual de importante, e ademais en igual cantidade: pois que sentido ten dar máis do que recibes? Que intentas demostrar con iso? Se dás máis do que recibes contribúes á falta de equilibrio na túa vida. Se damos máis do que recibimos, hai alguén que está recibindo máis do que dá, e ese non é o mundo que queremos. 

Se non estás disposto a recibir, estás privando a outros de sentirse ben dando. Polo tanto, recibir o que nos dan, e simplemente agradecelo, sen insistir en devolvelo, é un acto de verdadeira humildade.



5 de maio de 2019

O sentido da vida

   A xente ao longo da súa existencia necesita ter un propósito ou finalidade na vida. Nos primeiros anos necesitamos formarnos, construír nosa personalidade, facernos un lugar no mundo: vivenda, traballo, relacións persoais, autoimaxe, etc. Isto ocupa tanto tempo e enerxía que fai certa a famosa situación descrita por John Lennon: a vida é o que pasa mentres estás ocupado facendo outros plans. Pero cando chega a segunda metade da vida moitas persoas séntense mal, deprímense, cuestionan a súa existencia, parecen desorientadas e confusas sen motivo aparente; situacións que veñen arrastrando desde anos atrás agora resúltanlles insoportables porque lles falta unha verdadeira razón de vivir, xa conseguiron as metas materiais que se propuxeron e necesitan outras, ou ben non as conseguiron e deixou de importarlles, ou ben seguen loitando por elas porque cederon ás presións da súa contorna pero no fondo perderon a esperanza, a alegría ou a motivación persoal. O que ocorre é que as metas da segunda metade da vida son diferentes das da primeira, e ser conscientes diso deita unha gran luz sobre todos estes procesos: o teu marido, que se está convertendo nun amargado, nunca está contento con nada cando debería sentirse satisfeito dos seus logros; a túa irmá, que de súpeto abandonou o seu traballo de toda a vida e só quere tocar o saxofón; o teu curmán, que abandonou á súa esposa por outra máis nova...
    Non é suficiente co mindfulness, aínda que axuda, pero a maioría dos seres humanos anceian que a súa vida teña un obxectivo, unha meta, un proxecto ou unha misión. Sempre podes acudir a un psicólogo ou un coach para que te axude a poñer orde na túa vida, pero se o teu anceio é máis profundo e trascendente, se te preguntas cal é o sentido da túa vida, para que tomaches tantas molestias ao encarnar neste preciso planeta e non noutro, neste corpo e non noutro, nesta época, nesta sociedade ou nesta familia, o máis probable é que estes profesionais traten de desviar a túa atención destas cuestións porque só se responden desde a conexión máis íntima coa túa alma, non coa túa mente, nin coas túas emocións ou as túas ambicións mundanas.
  Se estás nese punto, existen técnicas de tradición milenaria que poden darche respostas, como a Cábala, e outras de máis recente desenvolvemento, como a Sanación Akáshica. Un practicante serio e experimentado, de calquera destas disciplinas, axudarache a comunicarte mellor coa túa propia esencia. E se o que desexas é experimentar por ti mesmo outros planos da realidade talvez atopes as túas respostas nunha viaxe xamánica.
    Escríbeme e cóntame o teu caso. Será un pracer axudarte a trazar un plan de recuperación do sentido da vida e, se o desexas, acompañarte no proceso.

    mail to: PURI AMEIXIDE  folerpa@gmail.com