Nos anos sesenta, os psicólogos Rosenthal e Jacobson demostraron que os prexuízos dos profesores sobre os seus alumnos inflúen no seu rendemento. Déronlles aos profesores a información de que certos estudantes eran mellores ca outros, e como resultado os profesores sen se decataren comezaron a comportarse de xeito diferente con eles, tanto que isto acabou repercutindo no éxito deses estudantes. Os profesores dan máis ensinanza ao alumnado do que esperan máis, propóñenlle retos maiores e anímanos a encontrar a resposta correcta. O sociólogo Robert Merton nos anos 80 denominou “Efecto Pigmalión” a este fenómeno: as persoas con espectativas positivas sobre os seus fillos, alumnos ou colaboradores xeneran un mellor clima nese grupo, entregan máis información, dan mellor retroalimentación sobre os resultados acadados, e na mesma cando unha persoa ten altas espectativas sobre si mesma o seu esforzo vai ser alto e conquerirá logros maiores.
Absolutamente todas as persoas teñen algunha habilidade ou potencial. Moitas veces o problema non reside na falta de talento senón no descoñecemento de nós mesmos, de cales son os nosos talentos. Véxoo a cotío nos meus alumnos e alumnas, que repiten cousas horribles como "Eu non sei o que quero ser de maior, a min non me gusta nada e non se me dá ben nada". Pero non é só unha etapa adolescente, tamén hai moitos adultos que teñen crenzas deste tipo sobre si mesmos e malviven en traballos, relacións persoais e actividades de todo tipo moi insatisfactorias, soportando o indicible, sobrevivindo un día máis e incapaces de soñar sequera ningunha alternativa. Estas persoas son vítimas das súas crenzas limitantes, como "non sirvo para outra cousa", "ninguén me vai querer a min", "xa é tarde para cambiar", e pensan que se trata de feitos obxectivos, de verdades extraídas da súa experiencia, cando en realidade son produtos da súa mente subxectiva e en absoluto inmutables.
Existen moitas técnicas, como PSY-K e outras, útiles para deixar atrás estas crenzas que te prexudican e así alzar o voo, poñer en movemento todo o teu potencial. Máis información na páxina acompañamento.

Ningún comentario:
Publicar un comentario