8 de xul. de 2019

10 crenzas disfuncionais e como eliminalas

Albert Ellis, na súa terapia racional emotivo-conductual, identificou unha serie de crenzas disfuncionais que as persoas adoitamos ter, son coma un lastre que arrastramos, nos limitan e nos amargan a vida.

Algunhas das máis frecuentes son:

1. A necesidade de ser amado, valorado ou sequera aceptado por todas as persoas importantes da contorna.
2. A obriga de ser competente e non ser un "fracasado".
3. Que se debe actuar sempre do xeito correcto, sen facer a vista gorda ante ningún erro.
4. Que sería perfecto que os demais fosen como nós queremos que sexan.
5. Que os estados emocionais obedecen a causas externas e non podemos facer gran cousa para actuar sobre eles.
6. Que é prudente e recomendable preocuparse reiteradamente por todas as cousas que poden saír mal.
7. Que o mellor é evitar as dificultades da vida en vez de afrontalas.
8. Que o noso pasado determina o noso futuro, e as cousas que saíron mal antes, volverán saír mal.
9. Que é lóxico sentirnos molestos polos defectos dos demais.
10. Que hai sempre unha solución correcta e perfecta aos problemas e sería un erro aplicar calquera outra.


Non sería xenial que alguén nos axudase a detectar cales son esas crenzas limitantes que temos instaladas na cabeza, coma se dun programa informático se tratase, e a desinstalalas? Pois en efecto, esa posibilidade existe, e asegúrovos que constitúe un alivio enorme. En primeiro lugar hai que localizar esas crenzas ou "programas". Pode facerse de moitas maneiras: ás veces unha persoa xa sabe, pola propia observación, cales son; por exemplo, cando ti sabes que hai algo que che dá medo facer pero che gustaría poder facelo (declararlle o teu amor a unha veciña, presentarte para unha entrevista no emprego dos teus soños, cantar en público...) Neste caso é fácil, trátase de concretar a crenza que che impide facer o que queres (eu son feo, eu son torpe...) e eliminala. Outras veces ti sabes que hai algunha área da túa vida que non funciona pero ignoras o motivo (co ben que se me dá o meu traballo como é posible que nunca consigo o ascenso que merezo; co ben que me relaciono e socializo como é posible que non encontre noiva; etc) Neste caso é necesaria a intervención externa, por exemplo dun terapeuta que che axude a localizar a crenza, ben sexa a través de longas conversacións ata que ti mesmo te decates, ou a través doutros medios e tests; por último, pode ser que a crenza estea a nivel subconsciente e ti insistas en negala, como por exemplo a idea "eu non merezo ser feliz", que ten implantada moita máis xente do que en principio sería lóxico pensar. Neste último caso a mellor maneira de que a persoa tome consciencia desta crenza é amosarlla mediante un test kinesiolóxico para que vexa a súa propia reacción corporal perante esta frase e comprenda, e acepte, e estea en condicións de elixir cambiar. Unha vez localizada a crenza pode desinstalarse por moitas vías. Unha das máis efectivas é PSY-K®, técnica que me encanta realizar. Os procedementos de PSY-K®, chamados balances, son moi fáciles, rápidos, cómodos e ata pracenteiros. Ademais de permitir ver fisicamente coas respostas do teu corpo o efecto da crenza que se trata, cousa realmente fermosa, teñen outra vantaxe nada desprezable, consistente en que se pode realizar o cambio, superar un medo, fobia ou trauma, sen pasar por el de novo, sen revivilo, sen contarllo a un terapeuta en interminables e dolorosas sesións. O facilitador de PSY-K® non necesita coñecer os detalles da experiencia traumática para axudarte a sanala, polo que se trata dun método moi amoroso, especialmente indicado para as situacións máis delicadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario