É un erro moi común contar co éxito dunha intervención baseándose só no contido, pero á hora de tomar unha decisión a xente déixase influenciar pola persoa que lle está presentando esa información, pola seguridade que transmite, a autoridade, honestidade, aspectos que se perciben a través da linguaxe corporal. Verbalmente transmitimos información e datos, pero coa linguaxe corporal comunicamos emocións, sensacións e actitudes persoais. Por iso é crucial a elección da persoa que intervén nunha negociación.Falar ben en público é un problema para a gran maioría da xente, así que hoxe imos ver como mellorar esta habilidade:
- Inspírate noutras persoas, procura en internet exemplos de intervencións relacionadas co teu campo e estuda os seus puntos fortes.
- Antes de dar unha charla en público practica con videoconferencias, pois ao non ter ao público fisicamente diante sentiraste máis cómodo. Despois podes visionalas e corrixir os aspectos necesarios.
- Prepara con tempo o teu discurso, decide o ton que vas usar e planifica a túa intervención para enfatizar sobre as partes que che interesen.
- Infórmate ben sobre o teu público. Adecúa a linguaxe en función de quen vaia recibir a mensaxe.
- Practica o teu discurso antes e pídelle a un grupo de amigos de confianza que actúe de público e che dea a súa opinión.
- Comeza falando de algo que realmente dominas e sobre o que che gusta opinar: isto darache seguridade.
- Utiliza material de apoio para facer máis amena a túa intervención, por exemplo presentacións en soporte informático, gráficos, etc.
- Mantén o contacto visual co público, tanto para transmitirlles a túa seguridade como para captar se che están prestando atención ou non, se se aburren ou non te entenden. Nunca poñas entre o auditorio e ti cousas que estorben ou distraian a visión, nin baixes a vista ao chan ou a obxectos como zapatos, roupa, etc. Tampouco enredes con papeis, bolígrafos ou obxectos de ningunha clase, nin mires o reloxo abertamente. Todo isto daría a sensación de que che falta concentración e seguridade no que fas.
- Non te cruces de brazos, pois é unha actitude de resistencia defensiva moi desagradable. Tampouco toques a cara (acariñar o queixo revela que estás xulgando ao teu interlocutor, tocar o nariz ou tapar a boca mentres falas é unha coñecida marca de mentira...) O mellor é deixar os brazos abertos a ambos lados.
- Non queiras facer rir ao auditorio para gañarte a súa confianza, porque non vas resultar gracioso se habitualmente ese non é un dos teus talentos, e nada é peor que un riso ou sorriso finxido: mellor se ti mesmo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario