Nun post anterior vimos algúns consellos para falar en público e unha das suxerencias que vos daba era practicar primeiro con videoconferencias, do que vos falarei hoxe.Antes de lanzarte sería boa idea que te gravases e te visionases primeiro. Elixe ben o lugar e o encadre, é dicir, o que vai amosar a cámara, o que queres que vexa o teu interlocutor. Fai algunhas probas e compara o efecto pondo a cámara a diferentes distancias, así daraste conta do inconveniente de estar demasiado lonxe (non se te ve ben e pérdese o interese) ou demasiado cerca (nótase unha invasión do espazo persoal similar á que sentimos cando alguén na realidade se nos aproxima demasiado). Xoga tamén coa iluminación, e por suposto comproba o sonido. Que cores queres que haxa tras de ti, que obxectos e con que fin? Unha parede en branco, unha libraría chea de grosos volumes, ou de discos, ou de fotografías das túas viaxes, un ramo de flores, un Shiva Nataraj, unha colección de probetas e tubos de ensaio, unha guitarra...? A imaxinación do teu público viaxará en moi distintas direccións segundo o que lle ofrezas ao seu subconsciente. Como lles vas falar? De pé, sentado, unha combinación de ambas cousas...? Vas usar algún material de apoio, por exemplo un encerado branco sobre o que escribir, ou vas ensinarlles algunha mostra do teu traballo? Hai toda unha posta en escena que podes usar ao teu favor!
Despois observa a túa imaxe persoal, porque xa sabes que será o primeiro que perciban de ti, antes mesmo que as ideas que lles compartas. Lembra que a primeira impresión é fundamental e contribúe a captar o interese, inspirar confianza, ou tamén todo o contrario. Elixe a roupa, o peiteado, os complementos e todo o demais en función do asunto que vas tratar, o enfoque que lle vas dar e a quen te dirixes. Por poñer un exemplo extremo, se presentas un produto conservador e defendes valores de seguridade e tradición cos ollos pintados de negro, o pelo morado e un pendente no nariz non vas resultar convincente.
Unha vez que comezas a gravar ten calma e procura ser natural e mirar á cámara, así quen te vexa terá a sensación de que lle miras aos ollos. Algún que outro sorriso sempre axuda, pero non abuses deste recurso so pena de parecer idiota (sorrindo cando non corresponde polo que estás dicindo) ou hipócrita (facéndoo de maneira tan falsa que se nota, pois un sorriso auténtico implica toda a cara, ollos incluídos, e nada hai máis terrorífico que un sorriso falso efectuado só coa boca). Reserva o sorriso para o comezo, co saúdo inicial, e para a despedida. E por certo, despois de despedirte mantén a postura uns segundos despois da desconexión por se se produce algún erro. Cantos persoeiros, políticos por exemplo, botaron a perder unha intervención pública por facer un xesto ou un comentario inapropiado pensando que xa estaban "fóra de cámara"!
Ningún comentario:
Publicar un comentario