Estou totalmente afónica. Non vou entrar, anque sería interesante, nas razóns últimas da miña afonía senón simplemente nalgunhas reaccións que se produciron ao meu redor. En primeiro lugar, entre os meus compañeiros de traballo: "Muller, e para que viñeches se non podes dar clase?" foi a máis graciosa. Pois porque para min falar é unha cousa e dar clase outra! Pero hai outra reacción máis curiosa aínda: a das persoas que aproveitan para deixarme claro o equivocada que estou coas miñas crenzas e as miñas prácticas porque se "as medicinas alternativas" funcionasen eu tería encontrado un remedio para a miña afonía!
A enfermidade forma parte da experiencia da vida e sempre trae algunha lección importante. Non pretendo evitar esta aprendizaxe senón facela do xeito menos traumático posible. Nin eu nin ninguén atopou a solución para un forte resfriado con nariz tamponado, tos e afonía, e pasar por este proceso hai que pasar, como di o refrán "con menciñas sete días e sen elas unha semana". Pero algunhas persoas ao verme neste estado parecen sentirse confortadas e reforzadas na súa opción persoal diferente da miña. Porque para algúns é necesario non só ter razón senón que ademais os outros estean equivocados e sufran por iso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario