11 de xuño de 2015

Un raio de sol, oh, oh, oh...

Comeza a tempada de verán, máis horas de sol e tempo libre para gozar delas. Tomar o sol é beneficioso sempre que se faga con sentido común. A ningún animal de sangue quente se lle ocorrería poñerse ao sol nas horas de máxima radiación e nós debemos facer o mesmo. Sobreexpóndonos forzamos o mecanismo de defensa da nosa pel contra o Sol -que consiste en poñerse morena- podendo provocar queimaduras, avellentamento prematuro e mesmo cancro de pel. As persoas coa pel moi branca deben controlar o tempo de exposición para evitar problemas na pel; as persoas moi maiores, os nenos pequenos e os bebés incluso deben protexerse con roupa da luz directa do sol.

A radiación UVA é a responsable de que nos poñamos morenos, pero tamén acelera o deterioro da pel cos anos. A cantidade de radiación solar recibida pode variar polas nubes, a contaminación ou a altura respecto ao mar, pero con carácter xeral recibimos máis radiación entre os meses de maio e agosto, cando a Terra está máis lonxe do sol pero a súa inclinación permite que os raios solares dean de cheo no hemisferio norte. Nesta época as horas do día con máis radiación solar son as comprendidas entre as 11 h e as 16 h.

Expoñerse ao Sol é beneficioso non só por estética, para estar moreno, senón para o benestar xeral do noso corpo. A fin e ao cabo o noso estado natural ata hai pouco era estar expostos á luz solar durante a maior parte do día e deixar de facelo empeora a calidade da nosa saúde, Media hora diaria de exposición solar pon en hora o noso reloxo interno para que o noso corpo funcione correctamente seguindo o ciclo circadiano (de día e noite), isto axuda a descansar correctamente e regular o noso sistema hormonal.

O sol tamén nos axuda a ter unha pel máis bonita, abonda con tomar diariamente baños de sol de non máis de 30 minutos durante as primeiras horas da mañá ou ben entrada a tarde para combater a acné, a psoriase e mesmo a ictericia.

Outra das vantaxes de tomar sol é que fortalece o noso sistema inmune, protexéndonos de diversas enfermidades, pois aumenta o número de glóbulos brancos, células encargadas de protexernos contra as infeccións.

Cando tomamos sol, a graxa do noso corpo disólvese. É por iso que as persoas que viven en zonas onde hai moito sol padecen menos enfermidades cardiovasculares. Os raios UV son necesarios para metabolizar mellor o colesterol, polo que tomar o sol axuda a diminuír os seus niveis e evitar que se pegue nas arterias.

Un beneficio máis do sol é que diminúe a presión sanguínea. Isto débese a que o sol é un vasodilatador moi efectivo que aumenta a circulación do sangue. Así mesmo, aumenta o metabolismo e a depuración dos tecidos. De feito, moitos deportistas adoitan tomar o sol antes das súas competicións, grazas a que isto os axuda a ter unha mellor presión arterial. Ao parecer, neste caso a vitamina D tamén xoga un papel importante xa que libera calcio.

Expoñernos ao Sol é permite producir vitamina D, esencial para o corpo humano, necesaria para crear novas células, para que o noso sistema inmunitario actúe correctamente e para o funcionamento do sistema nervioso, ademais é antiinflamatoria, antidepresiva e reduce a hipertensión. Tamén é boa para fortalecer os nosos ósos e dentes porque favorece a absorción no intestino do calcio e fósforo. Se temos unha boa fonte de calcio e suficiente vitamina D tamén reduciremos o colesterol e a osteoporose. Aínda que a maioría das vitaminas se obteñen a través dos alimentos, a D sintetízase na nosa pel cando a expoñemos á radiación UVB (onda media). Como referencia, debemos saber que se a nosa sombra é máis longa ca nós, non estamos recibindo a cantidade suficiente de luz solar para xerar vitamina D. A parte do corpo que máis vitamina D produce é o torso, seguido das pernas e os brazos, e con 20 minutos diarios é suficiente.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario