2 de dec. de 2013

As intelixencias múltiples

A psicoloxía tal como a coñecemos actualmente (de corte máis ben científico que filosófico) é unha disciplina relativamente moderna e para comezar a nosa exposición sobre a(s) intelixencia(s) só temos que retroceder ata o século XIX.
O concepto de intelixencia comezou como algo que se consideraba resultado dunha carga xenética que o individuo non podía modificar. Francis Galton era seguidor de Darwin (ademais de seren curmáns) e vía a intelixencia como un resultado evolutivo da especie, que se podía medir igual que o peso ou a altura porque existían uns criterios simples e obxectivos (tempos de resposta a un cuestionario, cantidade de acertos, capacidade de percibir cousas...) As medicións supostamente científicas gustan moito ás sociedades que necesitan xustificarse a si mesmas, así que a cousa foi evolucionando e o goberno francés quedou encantado cos tests de Binet para localizar nenos con retraso (test de predición do rendemento escolar) anque a intención de Binet era detectar necesidades educativas especiais para atendelas e non facer unha medición absoluta da intelixencia herdada e moito menos "desalentar a procreación anormalmente prolífica de determinados grupos étnicos" como chegou a propoñer Terman, pioneiro dos "tests de intelixencia" que finalmente se popularizaron e son moi coñecidos aínda hoxe en día (non é raro oír falar do cociente de intelixencia dunha persoa como argumento para extraer todo tipo de conclusións sobre a súa valía persoal sacándoo do contexto meramente educativo que é o único onde ten utilidade).
Posteriormente comezou o debate sobre o concepto de intelixencia: viuse que propoñer preguntas adecuadas tamén amosaba intelixencia e non só dar respostas; comparouse o cerebro humano coas máquinas, moi rápidas operando cos datos que xa teñen pero inferiores en creatividade ás persoas. Os investigadores observaron tamén diferentes maneiras de procesar a información e non só a acumulación de datos ou a velocidade de resposta, e así foron xurdindo novas concepcións, máis dinámicas, do que podía ser a intelixencia: a intelixencia era fluída, capaz de dar solucións novas a novos problemas; non era abondo con ter capacidades senón que a intelixencia había que usala, así que era máis exacto falar de "condutas intelixentes" e non de "intelixencia" así en singular.
Chegamos entón ás teorías de Howard Gardner, que en 1983 propuxo o modelo de intelixencias múltiples. Daquela quedou claro que a intelixencia non é tanto unha capacidade innata senón unha habilidade. Todos os seres humanos somos capaces de coñecer o mundo a través de diferentes medios: a linguaxe, a análise lóxico-matemática, a representación espacial, o pensamento musical, o uso do propio corpo, a comprensión dos demais individuos e de nós mesmos. As diferencias entre individuos están na intensidade destas habilidades, na maneira de combinalas e en cando e como recorrer a cada unha delas para resolver un ou outro problema. Estas diferencias son un desafío importante para o sistema educativo, que parte da base de que todo o mundo debe aprender as mesmas materias do mesmo xeito e demostralo en probas uniformes supostamente obxectivas. Curiosamente, numerosos psicólogos criticaron esta proposta de Gardner e en cambio moitos educadores a consideran adecuada pois coincide con moitas observacións cotiás do profesorado: os nenos mostran que son listos e eficientes de moi diversas formas e teñen diferentes estilos de aprendizaxe.



As intelixencias múltiples en Redes:

 

Edito uns meses despois para engadir estoutro enlace interesante: AQUÍ

Ningún comentario:

Publicar un comentario