27 de ago. de 2017

Viaxar ao pasado e cambialo

    Todos atravesamos momentos difíciles nas nosas vidas, dolorosos e mesmo traumáticos. A maioría da xente pode superalo e continuar coa súa vida de maneira satisfactoria pero hai persoas que, mesmo anos despois, continúan a sufrir a causa dunha vivencia pasada que condiciona o seu autoconcepto, as súas crenzas, espectativas e benestar emocional.
    En realidade isto non é exacto, é o que estas persoas dirán pero non é o que explica a neurociencia: máis ben continúan a sufrir a causa da lembranza desa vivencia, non da vivencia en si.
    Cando se forma unha lembranza, o cerebro comeza a converter unha memoria temporal nunha memoria a longo prazo a fin de poder utilizar esa memoria máis adiante. O caso é que hai sobradas evidencias científicas de que cada vez que recuperamos unha memoria dun suceso, esta se fai inestable e permite a incorporación de nova información. É dicir, cada vez que "actualizamos" unha lembranza, por exemplo revivíndoa para contarlla a alguén, se carga de contidos novos que se crean durante esa revisión. As lembranzas non son como fotografías, estáticas, que reproducen fiel e obxectivamente un suceso, senón máis ben como un cadro pintado polo suxeito que nunca deixa de retocalo.
    Isto significa que despois de revisar algún suceso autobiográfico almacenamos ese recordo como unha memoria nova, algo similar ao que sucede cando actualizamos un programa informático á versión seguinte. E agora vén o bo: sabendo isto podemos cambiar a maneira en que lembramos un suceso traumático e con isto as reaccións emocionais que o acompañan.
    Hai algunhas dificultades para facer isto e porén milleiros de persoas o logran todos os días. O problema xorde, por exemplo, cando hai unha identificación excesiva do individuo coas súas vivencias e cre que a súa identidade consiste niso, na súa autobiografía. Este tipo de persoas vanse negar a mudar a súa interpretación dos feitos pasados, na crenza de que se o fixesen habería algunha clase de fractura na súa personalidade, algunha especie de "alienación". Ou pode ser que por un exceso de rixidez mental a alguén lle resulte inconcebible a posibilidade de "mudar o pasado", na convicción (irracional e anticientífica, por máis que eles insistan no contrario) de que as cousas son tal e como eles as lembran e calquera mudanza niso sería faltar á Verdade.
    Cando evocamos, con axuda dun terapeuta e nun contexto seguro, esas lembranzas traumáticas, estamos traballando na reconsolidación desas memorias, actualizando o software para unha versión con información diferente da que realimentaba o noso sufrimento unha e outra vez. Introducimos información nova que cambia o noso sentir ao respecto (por exemplo, agora que es un home adulto de 40 anos sabes os motivos polos que túa nai actuaba así contigo cando eras neno, tamén sabes que ela te quería pero non sabía expresalo, e sabes que ti es capaz de sentir e expresar amor  e que non repetirás cos teus fillos ese patrón de conduta).
    O cerebro pode cambiarse a si mesmo, a neurociencia teno moi estudado, es ti quen te negas a facelo por apego aos vellos contidos da túa mente. Eses contidos poden revisarse, reinterpretarse e non ser máis un agravio sufrido, senón unha aventura vital que nos proporcionou aprendizaxes coas que hoxe podemos vivir mellor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario