O nacemento de Ganesha conmemórase o cuarto día da última lúa crecente do verán, nun festival chamado Ganesh Chaturthi. Celébrase con moitísimo entusiasmo e devoción por toda a India, durando dez días durante os que se colocan imaxes de Ganesha nas casas, nas rúas, en altares, por todas partes, para que toda a xente teña ocasión de presentarlle homenaxe. En moitas vilas e cidades é costume construír unha gran imaxe de Ganesha en papel maché e ofrecerlle doces, flores, cocos, etc. así como oracións, cantos e todo tipo de espectáculos festivos. Son dez días de festa rachada, con actuacións musicais e teatrais en escenarios improvisados, proxección de películas, ofrécese atención médica gratuita, fanse doazóns de sangue e repártense esmolas aos pobres. O último día remata coa inmersión da estatua de Ganesha no mar. Todos lle pediron que aparte deles as penas, enfermidades, problemas e obstáculos en xeral, así que o Señor Ganesha marcha levando consigo todas as dificultades que tiñan os seus devotos. A imaxe debe ser enviada lonxe, canto máis lonxe e profundo se mande mellor será o resultado e se pola contra se gardase algo da celebración, anque só sexa unha flor, os problemas non se irán. Hai zonas onde non hai mar e nese caso a imaxe bótase nalgún río, regato ou fonte de auga.
Este ano o festival do señor Ganesha será do 25 agosto ao 5 setembro.
Poida que a vosa conciencia ecolóxica vos impida tirar cousas así tan alegremente ao mar, así que podedes imprimir unha imaxe de Ganesha para colorear (hai moitas na Rede) e pintádea con amor e gratitude ofrecéndolle aromas, flores, lambetadas, etc. Reservádelle un lugar na vosa casa, a modo de pequeno altar, durante estes días, e reflexionade sobre as cousas da vosa vida que queredes que desaparezan, escribíndoas con rotulador nunha pedra pequena. O día 5 queimade o papel, achegádevos a unha corrente de auga e tirade a pedra. E xa me contaredes de hoxe nun ano!!
Como Ganesha elimina todos os obstáculos do noso camiño material e espiritual, en todo o mundo se considera un deus da boa sorte, que outorga prosperidade e fortuna en todos os ámbitos da vida. Por iso o invocan antes de iniciar unha actividade importante, sexa mundana ou espiritual, para que todo obstáculo sexa eliminado e a boa fortuna se alcance fácilmente en todo o que se realice (sempre que se intente conseguir algo bo e puro, porque se non o propio Ganesha porá toda clase de obstáculos e impedimentos, para que non se faga nada egoista, daniño para nós mesmos ou para outros, ou simplemente non auspicioso).
Como señor da intelixencia, a comunicación, as artes, e coautor do Mahabarata, é o protector dos escritores. A el me dirixo con amor e gratitude:
Señor Ganesha,
concédeme a inspiración para escribir o que debe ser escrito,
a humildade para tachar o que debe ser tachado
e a sabedoría para recoñecer a diferencia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario