14 de abr. de 2016

Haber hainas

   Pode pensarse que en xeral a estas alturas ninguén discute o dereito a expresarse en galego sexa individualmente ou como colectivo e con independencia do tema tratado. Esta aparente falta de censura fai máis curiosa aínda a ausencia de discurso en galego sobre determinados temas que actualmente están experimentando un auxe nada desprezable. Levo anos dedicándome ao estudo de diversas técnicas de traballo enerxético, metafísico, esotérico, chamánico, reiki, cábala, tarot, sanación akáshica, e en dez anos non atopei ningún manual en galego de ningunha destas disciplinas, nin puiden asistir a ningún curso delas en galego, e estou falando de cursos impartidos en Galicia e en ocasións por e para galegos. Aínda máis, se eu quixese publicar o material que fun reunindo e elaborando ao longo dunha década non atoparía unha editorial disposta a facelo, e non teño argumentos para convencer a un editor de que corra ese risco porque sospeito que, en efecto, non se vendería, e a proba está en internet, territorio que frecuento e onde os contidos sobre estes temas en galego poden contarse cun dedo dunha man (non vos direi cal).
   Porén ao longo destes anos tiven ocasión de oír moitas veces a mesma cantiguiña en boca dos que veñen de fóra a cursar ou mesmo impartir estas ensinanzas: "Síntome moi feliz e agradecido polo privilexio de poder vir a Galicia, terra meiga por antonomasia". Por que entón nesta terra meiga non podemos falar abertamente destes temas en galego?
    Non existen temas dignos de incluírse nas estratexias de normalización e outros indignos. Unha sociedade sa exprésase no seu idioma cando expón as súas ideas e as alleas, cando fala das cousas que ama o mesmo que das que detesta, das que quere conservar como das que quere extinguir. Seguirá habendo conflito mentres falemos de ciencia en galego pero non de espiritismo, de revolución e xustiza social pero non de animais de poder. As mulleres e homes menciña seguiremos nos séculos escuros da nosa práctica, na clandestinidade, estranxeiros no noso propio país, practicantes dunha técnica autóctona e sufridores dunha historia contada noutra lingua. Mentres tanto, a sociedade que produciu tal riqueza, cantidade e variedade de métodos de sanación, de conexión co ser interior e coa natureza, permanece de costas aos seus devanceiros pero hipnotizada perante o televisor onde cren albiscar un mundo novo coa entrada do "Cuarto Milenio".

2 comentarios:

  1. Canta razón tes!!
    Tamén no terreo espiritual estamos a perder folgos, coma no lingüístico. Ou quizais por iso, porque nunca nos asumimos.
    Nós, que tiñamos que ser exportadores desta sabiduría ancestral, andamos a importala. Nada diferente do que acontece noutros eidos da vida. Non é este da espiritualidade, un caso aillado do resto. No fondo é sempre o mesmo: falta de autoestima e coidar que o foráneo sempre é mellor.

    ResponderEliminar
  2. "Nunca nos asumimos" efectivamente ese é un inconveniente para avanzar tanto a nivel individual como social.
    sempre é un pracer saber de ti, apertas.

    ResponderEliminar