15 de ago. de 2018

A felicidade é unha actitude

Ninguén pode elixir por min. Ninguén sabe cal é o sentido da miña propia vida, cales as metas de realización persoal para a miña alma. Así, as críticas e recomendacións dos demais encamíñanse a algunha outra meta que non me marquei eu. Poden ser útiles en parte, pero a decisión última só pode ser miña. Só eu decido o que facer a cada intre. É a miña responsabilidade e o meu privilexio.

Por iso mesmo ninguén pode darme a felicidade, só eu podo conseguila. Acepto a total responsabilidade pola miña vida e comprendo que a felicidade é unha actitude que depende de min asumir.

 
O que recibo agora é o que sementei onte, e o que semente agora será o que reciba mañá. Moita xente se cre prisioneira das súas accións pasadas, pero eu prefiro poñer a miña atención no momento presente para ir sementando o futuro. Nin o pasado nin o futuro poden lastimarme, só o presente ten valor na miña vida. Os remorsos polo pasado e a anguria polo futuro son inútiles e paralisantes.

Xa teño comprobado que o meu benestar vai unido ao dos meus compañeiros de viaxe neste planeta. Polo tanto todo o que eu faga, todo o que eu diga, todo o que eu pense ou sinta, será para o meu ben e o de toda a humanidade. Procurarei sempre tomar decisións que beneficien á maior cantidade de persoas, pero contándome entre elas porque eu tamén son parte importante do círculo da vida.

Só desde o amor e a paz interior podo tomar as decisións correctas. Con serenidade podo decidir aunando o mellor do meu corazón e da miña cabeza. Para poder actuar no tempo presente teño que estar libre de condicionamentos externos, soltar todos os apegos incluídos os do ego, a necesidade de demostrar algo, a necesidade de recoñecemento, de cobrar vellas débedas imaxinarias para quedar "en paz".

A miña paz non depende de ningunha ofensa pasada ou ameaza futura. Perdoar a todos e por todo me libera.


Ningún comentario:

Publicar un comentario