Todos percibimos o noso entorno e a nós mesmos, con maior ou menor detalle dependendo da nosa capacidade de observación e interpretación, coma no conto dos cegos e o elefante. Despois compartimos as nosas impresións con outras persoas e chegamos a unha serie de acordos que damos en chamar "realidade". E nesta realidade consensuada pola maioría, nesta competencia aprendida, cada un verá claramente unhas cousas e deixará de ver outras que escapan ao rango de observación no que está situado. Porque a forma en que vemos o mundo só é iso, unha forma de velo, non o mundo en si mesmo. E está probado que cada quen configura o seu mundo de acordo coas súas crenzas, reforzándoas constantemente, fixándose máis nas cousas que coinciden coas súas ideas previas e desestimando as que non, achegándose a outras persoas que comparten estas crenzas e apartándose das que non. Cada observador ten os seus límites, e poderá actuar no mundo conforme ao que sexa capaz de observar. Desgrazadamente a maioría da xente aférrase ás súas crenzas, incluso moito máis do que sería loxicamente esperable. Moitos persisten nas súas crenzas incluso despois de que se desmonten os feitos e teorías en que se baseaban.
Por outra parte temos unha sensación de control sobre nosa vida que non é máis que unha ilusión: o hemisferio esquerdo inventa historias para xustificar o comportamento do hemisferio dereito, que case sempre se lle adianta á hora de tomar decisións. O hemisferio esquerdo tranquilízanos facéndonos crer que as nosas accións tiñan unha xustificación racional. Por iso, quen crea que o razoamento intelectual é a súa guía sempre e en todo momento está moi perto do dogmatismo e a intolerancia, e son moitos os cadáveres que a súa sombra oculta no lóbrego da súa casa.
Estás disposto a cuestionarte o mundo? E a túa percepción do mundo? E os teus procesos intelectuais? E a túa personalidade?
Ningún comentario:
Publicar un comentario