13 de nov. de 2014

O que ves é o que es

     Dúas amigas, Nerea e Pili. Coñecéronse nun obradoiro de mandalas e axiña pensaron que tiñan moito en común. Nerea, coach de profesión, Pili empregada de Correos, pero a vida puxéraas no mesmo momento e lugar para que puidesen andar xuntas o seu camiño de desenvolvemento persoal, e ambas se sentían felices e agradecidas de poder compartir esa faceta tan íntima e espiritual que tanto pudor nos dá ás veces desvelar aos que nos rodean, veciños, compañeiros de traballo, persoas coas que pasamos moito tempo pero non tempo de calidade... Ah, que bo é ter unha amiga de verdade!
     Nerea tiña solucións para todo, técnicas para afrontar calquera problema, mala racha, imprevisto. Pili en cambio só era unha funcionaria aburrida que non parecía ter grandes aspiracións. Nerea facíallo ver con frecuencia, animándoa a introducir cambios na súa vida, pero Pili seguía levantándose á mesma hora todos os días, acudindo aos mesmos lugares, frecuentando á mesma xente. Nerea comezou a pensar que era un grave problema de rixidez: por que Pili non era capaz de facer todos eses cambios evidentemente tan necesarios? Nerea cobráballes ás persoas que acudían á súa consulta por darlles consellos e estratexias que a Pili lle daba de balde, por que Pili era tan egoísta e desagradecida? Pili non a valoraba o suficiente.
     Así foi como a súa relación se foi agriando. Se Nerea chegaba a unha cita media hora tarde e Pili llo facía ver, explicáballe que non tiña importancia e non había que ser tan ríxido, que a súa rixidez acabaría por matar a súa amizade. Se Pili escoitaba os consellos de Nerea pero despois non os seguía era porque a súa rixidez llo impedía. Nerea non se sentía valorada, aceptada nin querida. Nerea era vítima da rixidez de Pili ata o punto de que un día lle dixo que xa non podían seguir xuntas, que se asfixiaba, que se lle facía insoportable, que a rixidez de Pili impedía que seguisen sendo amigas.
     Pili sentiuno moito, deulle as grazas polo tempo compartido e desexoulle boa sorte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario