12 de maio de 2013

A asertividade

 Ás veces somos o noso peor inimigo, antepoñemos as necesidades dos demais á nosa, deixamos de vivir as nosas vidas para vivir as dos demais. Aprender a dicir que non é unha desas habilidades imprescindíbeis que ninguén nos ensinou. Educáronnos na obediencia e o servilismo, dixéronnos que negarse a facer algo era egoísta, mentres aceptar é un acto de amabilidade, xenerosidade e empatía. Asumimos que dicir que non é unha falta de respecto cara á outra persoa, que non se merece iso de nós, e así nace o sentimento de culpa que ás veces experimentamos cando seguimos a nosa voz interior e nos negamos a facer algo porque non nos aporta nada ou mesmo nos prexudica. Se dicimos que non, sentímonos culpábeis. Preferimos evitar conflitos, non correr o risco de que unha relación se deteriore por dicir que non, porque necesitamos a aprobación dos demais e temos medo; medo de que nos marxinen, de que nos aparten do seu círculo e así perdamos oportunidades.
 Hai que reestruturar o noso pensamento para sentirnos cómodos ao dicir que non:
 Temos dereito a dicir que non. O noso tempo é valioso, e dicir que non a algo permite dicir que si a outras cousas que de verdade nos interesan. Temos todo o dereito a priorizar os nosos proxectos e intereses persoais.
 Se non o temos claro, atrasemos a decisión, digamos que o temos que pensar. Busquemos argumentos sólidos para poder aceptar ou rexeitar a petición. Podemos ser xenerosos, pero sen deixar que abusen de nós; se o que nos piden é excesivo podemos negociar unhas condicións equilibradas para aceptalo.
 Cando digamos que non a alguén, fagámolo de xeito amable pero firme. Non inventemos escusas, porque iso pode facer que a situación se repita. Demostremos que respectamos os seus sentimentos e opinións. Establecendo os límites desde o principio e expresando o que non nos gusta, gañaremos o seu respecto.
 Por último, se despois dunha negativa razoable a nosa relación con esa persoa se deteriora, veremos que o seu non era un afecto sincero senón interesado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario