16 de abr. de 2013

Moderación no uso das redes sociais

Persoalmente recoñezo que son usuaria das redes sociais, participo en varios blogs e uso practicamente todos os días facebook e twitter. Isto non é un ataque contra estes medios, só unha reflexión que avoga polo clásico "Nada con exceso".

Un vai entrando na internet pola súa utilidade, os moitos servizos que ofrece, as vantaxes que presenta como medio de ocio moito máis personalizado e interactivo que calqueroutro, e un día comeza nas redes sociais: "Que non tes facebook? Pero en que mundo vives!" As redes sociais avanzaron tanto nos últimos anos que, como din, se non estás non existes. Chegados a este punto, os que teñen dificultade para controlar os seus impulsos vanse atopar cunha tentación irresistible xa que, simplemente... hai que estar! Cando comezas en Twitter, por exemplo, é bastante común non ter seguidores ou que os teus seguidores non mostren gran interese polos teus Twitts: e que fas? Actualizar unha e outra vez para comprobar se alguén se deu conta de que existes; subir cada vez máis información persoal, que sexa diferente e atrevida para atraer a atención, comprometendo así a túa intimidade.

Algunhas persoas son máis vulnerables, pola súa idade ou as súas características persoais; por exemplo, os adolescentes reúnen varias características de risco: impulsividade, necesidade de relacións novas e autoestima baixa. Un dos indicadores máis claros de que se está caendo nunha dependencia é a imposibilidade de controlar o tempo que se está conectado. Considérase que un adulto abusa de Internet cando está conectado máis de tres horas ao día, nos adolescentes este límite atópase en dúas horas; se ademais existe privación do sono (menos de 5 horas), se pensa na rede constantemente e prefire navegar a ter outro tipo de relacións sociais, pódese pensar que unha persoa está en risco de adicción.
Cando unha adicción afecta seriamente á nosa vida persoal, vólvese algo patolóxico e perxudicial para nosa saúde mental. A maioría dos adictos son xente nova e cun bo nivel educativo ou profesional pero sen unha percepción clara do risco, ou ben con baixa autoestima, ou que está pasando unha época complicada no traballo ou nos estudos, con estrés, un desengano amoroso, etc. Outras veces teñen unha personalidade retraída e as redes sociais axúdanlles a liberar ansiedade, porque comunicarse virtualmente dálles a seguridade que non senten cando están socializando nunha reunión de amigos. Pero as redes sociais son un sucedáneo das verdadeiras relacións persoais, crean falsas impresións, reemplazando os lazos de unión fortes por outros máis débiles; as amizades creadas na rede son máis limitadas que as apoiadas pola proximidade física. As novas tecnoloxías permiten que cun só clic a persoa poida desinhibirse rapidamente, crear identidades falsas ou dar unha imaxe propia que non corresponde coa realidade, o que xera unha tensión emocional que favorece a adicción. Todo isto engancha especialmente aos que non teñen a súa propia rede de relacións ben formada, pois tenden a sobreexpoñerse para ser máis coñecidos: mandan fotos, chatean e colgan fotografías da súa intimidade.
Moitas son as parellas con problemas por culpa desta adicción. Tamén o rendemento académico dos mozos se ve afectado por esta adicción pois moitos dormen poucas horas para manterse conectados cos seus amigos no internet. É perigoso que un adolescente teña ordenador na súa habitación e navegue só; no caso de detectar esta adicción hai que facerllo comprender cando antes, e se non é posible reconducir a situación, buscar axuda especializada (médico, pediatra ou terapeuta de confianza).

Magnifica informacion e moi boas estratexias de actuacion para desengancharse  AQUÍ 


Existe un tipo de depresión que os psicólogos denominan xa "depresión Facebook". Pode verse en rapaces que pasan demasiado tempo conectados a internet, e que pouco despois empezan a sufrir síntomas como o illamento social, problemas de sono, falta de apetito e tristeza xeral. Segundo os expertos, a rede social non sería a causa do trastorno senón máis ben un "disparador"; é dicir, se un mozo ou unha moza está sufrindo algún tipo de problema, pódese refuxiar en Facebook e descoidar a súa vida real facilitando a aparición dun trastorno depresivo. Illamento social e baixa autoestima, sumado a moito tempo na rede social, son factores que conducen á depresion. Pero tamén outros mozos que en principio non presenten estas características poden sentirse mal ao compararse cos seus amigos. Existen estudos sobre o tema, que demostran claramente como as redes sociais proporcionan unha visión distorsionada da realidade e promoven unha atmosfera de competitividade social. Se alguén non ten moitos amigos e se pon a ver mensaxes ou fotos doutros, acaba por convencerse de que os demais teñen vidas mellores que a súa e cada vez sentirase peor. É coma se fose un gran concurso de popularidade: a ver quen recibe máis solicitudes de amizade ou quen logra a maior difusión de fotografías divertidas. Por outra banda é común entre adolescentes publicar mensaxes moi críticas ou abertamente desagradables en Facebook contra as persoas que non lles simpatizan; algúns adolescentes acaban sufrindo acoso por parte doutros mozos ou de adultos, insultos, chantaxes, sexting, enganos publicitarios, etc.


Ningún comentario:

Publicar un comentario