18 de dec. de 2011

Boas vibracións

É frecuente na linguaxe coloquial dicir que algo nos dá boas ou malas vibracións... Todo é vibración: todo o que existe ten unha vibración natural, desde os átomos ata a totalidade do universo. Estamos formados por átomos en continuo movemento que vibran xerando enerxía.

A Terra tamén vibra cunha frecuencia propia e nos últimos tempos os científicos constataron unha redución da velocidade de rotación, o que está provocando unha redución da intensidade do seu campo electromagnético. A pesar deste feito, a frecuencia de resonancia base, tamén coñecida como Resonancia Schumann, estase incrementando. A Resonancia Schumann é coma o latexo do corazón da Terra, responsable do equilibrio da biosfera e catalizador de todas as formas de vida sobre o planeta. Os nosos corpos, como integrantes da biosfera, tamén reaccionan a este pulso electromagnético. Este pulso chéganos en última instancia desde o universo pasando a través da galaxia e do sistema solar, de maneira que cada un de nós compartimos esta pulsación con toda a existencia (todo é un).

Desde que os científicos empezaron a rexistrar as pulsacións da Terra, o seu ciclo sempre foi de aproximadamente 7,83 Hercios. Verificouse que todos os vertebrados, e o noso cerebro tamén, teñen esa mesma frecuencia e que non podemos estar sans fóra desa frecuencia biolóxica natural. Este foi un número constante ata 1987. A partir dos anos 80 e de forma máis acentuada a partir dos anos 90, a frecuencia pasou de 7,83 a 11 Hercios. Nunha década incrementouse case 3 ciclos por segundo. Para o 2012 esta frecuencia incrementarase ata 13 ciclos por segundo, seguindo a secuencia de Fibonacci.

Así que se oíches falar do "salto cuántico vibracional do planeta", que tanto se menciona na actualidade en determinados foros, non o desbotes totalmente como "unha trapallada máis da Nova Era" porque non carece de fundamento.


Que vai significar para a humanidade este cambio de vibración? É difícil saber con exactitude o que lle sucederá aos nosos corpos, pero é posible que algunhas persoas non estean preparadas e teñan dificultades para lidar cos rápidos cambios que experimentaremos tanto no corpo como na psique.

As emocións son parte da realidade que non se pode experimentar cos cinco sentidos, pero podemos percibir os seus efectos: por exemplo, enfadarse pode incrementar os latexos do corazón, subir a temperatura do corpo e xerar outras moitas características físicas.

Simplificando moito podería dicirse que os seres humanos experimentamos dúas emocións: Amor e Medo, e o resto de emocións son derivadas directa ou indirectamente destas dúas. As emocións tamén teñen a súa propia frecuencia vibratoria. O amor ten unha frecuencia vibratoria alta, cunha menor lonxitude de onda en comparación co medo, que ten unha frecuencia vibratoria baixa e maior lonxitude de onda.

As emocións están vinculadas directamente co material xenético humano. Xeneticamente o noso ADN cambia coas frecuencias que producen as nosas emocións (especificamente no que os científicos deron en chamar "ADN lixo"). Está demostrado que a frecuencia vibratoria máis alta, que é o amor, produce cambios non só no ADN, senón no ambiente que nos rodea, e xa que logo ten o seu reflexo no mundo físico. Por outra banda o medo, que é unha frecuencia vibratoria baixa, interactúa e toca relativamente poucos puntos do ADN. Polo tanto un individuo vivindo con medo está limitando o número de antenas que ten dispoñibles, mentres que unha persoa vivindo con amor, cunha frecuencia máis alta, ten moitos máis puntos potenciais activados.

Comeza simplemente por lembrar que as túas emocións afectan directamente á estrutura do teu ADN e á realidade física que experimentas cada día.


Moitos atribúen a estes cambios vibracionais a chegada de novas frecuencias ao planeta, e como consecuencia bastantes persoas xeraron unha capacidade de sanar e canalizar información sen precedentes. Esta é unha das razóns de que proliferen tantas e tantas técnicas de sanación enerxética na actualidade, das que falaremos outro día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario