13 de set. de 2019

Crenzas, espectativas e outros limites

Como docente coñezo de sobra o fenómeno das profecías autocumpridas e procuro evitar que xogue en contra miña ou dos meus alumnos, anque todos os días me topo con algún exemplo.

Nos anos sesenta, os psicólogos Rosenthal e Jacobson demostraron que os prexuízos dos profesores sobre os seus alumnos inflúen no seu rendemento. Déronlles aos profesores a información de que certos estudantes eran mellores ca outros, e como resultado os profesores sen se decataren comezaron a comportarse de xeito diferente con eles, tanto que isto acabou repercutindo no éxito deses estudantes. Os profesores dan máis ensinanza ao alumnado do que esperan máis, propóñenlle retos maiores e anímanos a encontrar a resposta correcta. O sociólogo Robert Merton nos anos 80 denominou “Efecto Pigmalión” a este fenómeno: as persoas con espectativas positivas sobre os seus fillos, alumnos ou colaboradores xeneran un mellor clima nese grupo, entregan máis información, dan mellor retroalimentación sobre os resultados acadados, e na mesma cando unha persoa ten altas espectativas sobre si mesma o seu esforzo vai ser alto e conquerirá logros maiores.

Absolutamente todas as persoas teñen algunha habilidade ou potencial. Moitas veces o problema non reside na falta de talento senón no descoñecemento de nós mesmos, de cales son os nosos talentos. Véxoo a cotío nos meus alumnos e alumnas, que repiten cousas horribles como "Eu non sei o que quero ser de maior, a min non me gusta nada e non se me dá ben nada". Pero non é só unha etapa adolescente, tamén hai moitos adultos que teñen crenzas deste tipo sobre si mesmos e malviven en traballos, relacións persoais e actividades de todo tipo moi insatisfactorias, soportando o indicible, sobrevivindo un día máis e incapaces de soñar sequera ningunha alternativa. Estas persoas son vítimas das súas crenzas limitantes,  como "non sirvo para outra cousa", "ninguén me vai querer a min", "xa é tarde para cambiar", e pensan que se trata de feitos obxectivos, de verdades extraídas da súa experiencia, cando en realidade son produtos da súa mente subxectiva e en absoluto inmutables.


Existen moitas técnicas, como PSY-K e outras, útiles para deixar atrás estas crenzas que te prexudican e así alzar o voo, poñer en movemento todo o teu potencial. Máis información na páxina acompañamento.


28 de ago. de 2019

Non importa o lento que vaias mentres non pares

Con esta cita de Andy Warhol quero animarte a afrontar as dificultades e perseverar no camiño que elixiches se realmente esa é a elección sincera da túa alma.

Nabokov pasou cinco veces polo rexeitamento editorial antes de publicar "Lolita"; J.K. Rowling tivo que encaixar doce negativas editoriais para Harry Potter; vinte negativas recibiu William Golding para "O señor das moscas" e nada menos que 30 recibiu "Foise co vento". Outros ilustres rexeitados polas editoriais son D. H. Lawrence, Herman Melville, George Orwell, Kurt Vonnegut... e o premio é para Marcel Proust, quen finalmente tivo que autopublicar.

25 de ago. de 2019

Ego sum


O EGO está moito máis interesado na súa propia conservación 

que na verdade (Eckhart Tolle)

22 de xul. de 2019

Mirar atrás, mirar adiante

Non podes borrar o pasado, comprendo o que me dis, que a túa vida é consecuencia dunha serie de malas decisións pasadas que agora te limitan, pero mentres sigas vivo aínda terás decisións por tomar: céntrate nelas, e comeza hoxe a crear un futuro diferente. O teu presente de hoxe pode un día converterse nun pasado do que estar orgulloso.