14 de feb. de 2017

Mecanismos de defensa

Os conflitos emocionais e mentais son inevitables, anque polo xeral se resolven por si mesmos. Con todo ás veces os nosos conflitos internos poden prolongarse producindo un gran desgaste. Entón actívase algún mecanismo de defensa como os seguintes:
1. Racionalización. Todos construímos escusas, ás veces falsas pero plausibles, para xustificar un comportamento inaceptable. Pensar que á xente lle dá igual o que fixemos, quitarlle importancia, xustificarnos porque estabamos enfermos ou calqueroutra cousa que sirva para sentirnos menos culpables.
2. Identificación. Consiste en fortalecer a nosa autoestima mediante a formación dunha alianza (real ou imaxinaria) con algunha persoa ou grupo. Este é un método bastante común de tratar de esquecerse dos problemas, desde a persoa que participa de cerimonias relixiosas á que se une a unha peña deportiva, un grupo político, unha secta, etc. Os grupos de apoio, os amigos, a familia, tamén fan esa función.
3. Desprazamento. É un mecanismo psicolóxico definido como o desvío de sentimentos emocionais (xeralmente ira) da súa fonte orixinal a un obxectivo substituto. Isto ocorre moito nas cadeas de mando, por exemplo cando un xefe lle berra a un empregado que á súa vez lle berra a outro subalterno.Unha solución alternativa pode ser descargar a agresividade golpeando unha almofada ou un saco de area.
4. Proxección. Prodúcese por atribuír a outra persoa os propios pensamentos, sentimentos ou motivacións: "Pensa o ladrón que todos son da súa condición". Así, unha persoa moi enfadada pode acusar aos seus interlocutores de estaren enfadados.
5. Regresión. É un retorno aos patróns de comportamento inmaturo. Un exemplo evidente é o dos fillos que se senten menos queridos coa chegada dun irmán pequeno e regresan a un comportamento infantil para atraer de novo a atención paterna.
6. Formación reactiva. Consiste en comportarse dun xeito completamente contrario aos verdadeiros sentimentos. Así os que se fan os "duros" e finxen que non lles importa algo que realmente lles está doendo.
7. Represión. A represión é o mecanismo de defensa psicolóxico máis estraño de todos. Mantéñense os pensamentos e sentimentos angustiosos enterrados no inconsciente. Hai moita controversia sobre os recordos reprimidos e se resulta recomendable que con axuda terapéutica se fagan aflorar á memoria, porque non sempre son confiables;
ás veces resultan ser falsos, e outras son minuciosamente precisos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario