Probablemente moita xente que tropeza con este término, "xamanismo", pense no "home menciña" dos indios das pradeiras norteamericanas que coñecemos a través das películas de Hollywood. Porén non se trata diso e a propia palabra "xamán" procede nada menos que do idioma da tribu tungus de Siberia; foi adoptada polos antropólogos para designar coa maior precisión posible a certas persoas que en certas sociedades e baixo certas circunstancias realizan unhas funcións específicas, que sen unha comprensión ben informada poden confundirse cun curandeiro, un feiticeiro, un vidente, un medium ou incluso un sacerdote. O xamán non é nada diso, nin forma parte de ningunha relixión, nin moito menos de ningunha secta, pois a propia práctica xamánica é incompatible con estas cousas, e gustaríame explicar por que.
O xamanismo é un conxunto de técnicas para a sanación e o crecemento persoal, nada máis (e nada menos). Estas técnicas inclúen ás veces algunhas cousas que faría un sacerdote (por exemplo acompañar a un moribundo, darlle un sentido trascendente á morte e consolar á familia) pero a diferencia do sacerdote non pertence a ningunha congregación, non se somete a ningún dogma nin xerarquía. Pode tamén comportarse como un medium traendo unha mensaxe dos espíritos, pero nunca perde a consciencia durante ese contacto cos espíritos nin se deixa posuír por eles. Pode confeccionar algún obxecto de poder para si mesmo ou para outros, pero a diferencia do feiticeiro só o fará para a persoa que expresamente llo pida e non para terceiros, e sempre exclusivamente con intención sanadora.
Estas técnicas xamánicas están presentes en todo o mundo, o mesmo nas estepas de Asia Central que nos desertos australianos, nas selvas amazónicas, no ártico, en toda África. Non se adscribe a unha cultura en concreto, un periodo histórico ou unha área xeográfica. A razón pola que as prácticas xamánicas non se conservan aparentemente no recuncho de Europa que nós habitamos non é que sexan foráneas, senón que na nosa terra foron coidadosamente extirpadas nun longo e moi ben artellado proceso que inclúe todas as clases de represión imaxinables como a queima de bruxas na máis horrenda e literal das acepcións do término. Non vou entrar agora en detalles desagradables que todos coñecemos, nin tampouco vou culpar exclusivamente á Igrexa Católica, pois a práctica do xamanismo constitúe un exercicio de liberdade e empoderamento de tal calibre que por forza calquera réxime autoritario ha de consideralo subversivo e prohibilo, en toda época e lugar, sexa na URSS ou no Imperio Romano.
A práctica xamánica constrúese a si mesma día a día. Cada practicante descobre, a través da súa propia experiencia, a información necesaria para xestionar cada asunto nese momento preciso, información que pode variar ao longo do tempo e por iso nunca se pon por escrito en forma dun manual, pois conduciría a seguir as instrucións escritas en vez de ir procuralas por un mesmo. Esta é a razón principal de que o xamanismo sexa un exercicio de liberdade tan profundo e subversivo. Ningunha relixión pode aceptar que todos os practicantes reciban directamente información dos espíritos, que todos sexan profetas de pleno dereito, por así dicilo: iso vai contra a orde establecida!
A tradición xamánica forma parte dun sustrato profundo común a toda a humanidade, nalgúns sitios destruída polas institucións eclesiásticas e políticas, pero tan profundamente arraigada no ser humano que podemos recuperala con asombrosa facilidade, como demostran os estudos de numerosos antropólogos que ao longo do século pasado conseguiron que estudantes universitarios occidentais completamente "civilizados" obtivesen nas súas prácticas xamánicas excelentes resultados. Grazas ao labor destes homes e mulleres que comezaron como observadores distantes das prácticas xamánicas nos seus traballos de campo e acabaron mergullando nelas e traducíndoas para nós, actualmente podemos recuperalas e asumilas como unha poderosa ferramenta de coñecemento e benestar.
...........
En España podes conseguir facilmente as principais obras de Michael Harner, antropólogo de prestixio internacional autor por exemplo de La senda del chamán e La cueva y el cosmos, entre outras. Tamén recomendo Chamanismo, el arte natural de curar, un volume moi completo dirixido polo Dr. José María Poveda, ed. Temas de Hoy, ISBN 8478808671, porque aborda o xamanismo desde moi diversas perspectivas e contén unha boa bibliografía. En internet tamén podes atopar contidos interesantes anque xa sabes que hai de todo (recoméndoche para empezar que te limites aos resultados da procura "chamanismo esencial", do que falarei no próximo post). E por suposto, os enlaces que tes á túa dereita neste blog tamén son de absoluta confianza. Por último, claro está, sempre podes contactarme, ben para ampliar esta información ou ben para vivir a túa propia experiencia de viaxe xamánica.

Ningún comentario:
Publicar un comentario