Á volta das vacacións de Nadal atopo varias persoas alegres de volver ao traballo, porque o encontro supostamente festivo con xente a que non ven durante o resto do ano e á que se supón que teñen que amar foi demasiado estresante.
É este o teu caso? Non te preocupes, non hai nada malo ou erróneo en ti, xenerar emocións desagradables é perfectamente normal. Todos os que din que hai que sentir amor, non enfadarse nunca, perdoar, están no certo, pero ese é un ideal ao que tendemos, non sempre o conseguimos, e cando non o consigamos non hai que desesperar.
1. Perdóate a ti mesmo. Antes de perdoar a outros practica contigo mesmo, observa como te sentiches se perdiches os estribos na cea de Noiteboa, trata de comprender os motivos, dáte a ti mesmo a comprensión amorosa que darías a calquera neno ferido que necesitase consolo. Porque as familias moitas veces arrastran traumas tan antigos, de tantas xeracións atrás, que se perpetúan ata que alguén se para a comprendelo e perdoalo dentro de si mesmo, redimindo co seu traballo interior a todo o clan.
2. Analiza o que pasou paso por paso, que se dixo, que se fixo, quen falou e quen respondeu, que reproches houbo e por que. Pon todo por escrito. Desafoga todos os teus sentimentos, os daquel momento e os de agora. Conta todo o que sexa relevante para o caso, mesmo que se trate de vellos agravios de moito tempo atrás, dálles expresión e comprensión para integralo e trascendelo, como se o tiveses literalmente dentro do teu corpo físico e escribíndoo o puxeses, por fin, fóra, liberándote.
3. Fai por lembrar outros aspectos do sucedido alén dos emocionais: como estabas sentado, que postura corporal, que estabas facendo, con que xesto. Intenta reproducilo, analiza que tensións físicas sentías e disólveas, procura unha postura relaxada que che faga sentir mellor e practícaa, lémbraa para asumila a próxima vez e apoiarte nela para sentirte mellor.
4. Imaxina a próxima vez que te encontres con esas persoas e planifica unha actuación mellor que a pasada. Aprende a recoñecer a situación que disparou o problema, a vela vir e xestionala de maneira máis conveniente para ti e para todos. Podes incluso escribila, contar a situación que viviches cambiándoa, solucionando o problema que xurdiu, non importa que non o creas posible, ti só escríbea como se fose un simple exercicio literario.
Estes pasos te axudarán a estar máis centrado a próxima vez, pero non é tarefa dun día, postos aquí un detrás doutro nunha breve entrada dun blog parece máis simple e rápido do que realmente é, cada un destes pasos leva o seu tempo, actívanse moitas resistencias, revívense moitas sensacións desagradables, xorde con forza a idea de non volver relacionarte con esas persoas nunca máis, etc. Todo iso forma parte do proceso tamén, acéptao e continúa adiante. E se queres e che apetece, pide axuda, porque esta é só unha pequena mostra de estratexias a seguir pero hai moitas máis e sempre adaptándoas a cada caso.

Ningún comentario:
Publicar un comentario