3 de xan. de 2016

Non es ti, son eu

Rematadas as celebracións do Natal, tan familiares, entrañables e todo iso (a moitos revólvenlles as entrañas...) pode quedarnos un sabor agridoce, e non só pola resaca e os excesos de graxas e azucre: esas longas sobremesas con parentes aos que non vemos a miúdo, cos que non temos nada en común ou que mesmo nos fan sentir mal... Momento para reflexionar e, coma sempre, aproveitar a experiencia para crecer con ela.

O que vemos nos demais adoita ser máis unha expresión de nós mesmos que deles. Todo canto nos rodea é un espello para a nosa mente, e nel vemos calidades que existen no noso interior, unhas que interpretamos como negativas e proxectamos fóra para sentirnos a salvo, outras que interpretamos como positivas e non nos atrevemos a asumilas en nós mesmos, polo que as admiramos noutra persoa, para así gozar desas calidades sen ter que asumir un compromiso con elas.
Todo isto non é deliberado, é un mecanismo inconsciente. Unha parte importante do traballo de crecemento persoal consiste en identificar estas proxeccións e desmontalas.
A maioría dos conflitos cos demais son conflitos con un mesmo. Se eu son capaz de decatarme de que a miña interpretación da realidade non é a realidade mesma, de que incluso as persoas coas que trato son proxeccións da miña mente, que non as percibo tal como son senón tal como a miña mente imaxina que son... Entón comprenderei que os posibles conflictos con elas son tamén proxecións da miña mente e non haberá máis culpables nin agravios que recibir e devolver, senón só experiencias de aprendizaxe.
Pero con demasiada frecuencia apegámonos á nosa interpretación das cousas mesmo que esta nos cause dor e sexa fonte de conflictos cos demais. Confundimos as nosas crenzas sobre a realidade coa realidade mesma. Renunciar ás nosas ideas parécenos unha especie de derrota. Pero igual un día chega o punto en que haxa que elixir entre ser feliz ou ter razón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario