28 de nov. de 2014

Menos é máis

    Ás veces tratamos de facer miles de cousas. Queremos facer cousas asombrosas, marcámonos grandes obxectivos, pero despois pasamos o día a repetir que non temos tempo. Pois hai un truco: facer tempo. Se fas menos cousas, podes facelas a un ritmo máis adecuado, deixando espazos de tempo entre as túas tarefas e citas, e así poderás vivir a un ritmo máis relaxado.
    Podes tomar a decisión consciente de facer menos. Revisa as túas tarefas e compromisos, e con cada unha, pregúntate: É necesario que eu faga esta tarefa? Que pasaría se non a fago? Como podo eliminala, delegar, automatizala? Céntrate nas cousas importantes, e deixa de lado o resto.
    Esta regra aplícase non só á túa vida laboral, senón á túa vida en xeral: recados, tarefas, limpeza e coidado do fogar, compromisos cos amigos, redes sociais, afeccións que practicamos... Fai unha lista con todos os teus compromisos e mira de cales podes prescindir. Conserva os esenciais -4 ou 5- e acepta que non necesitas o resto ou non encaixan neste momento da túa vida. Elimínaos progresivamente. Informa cortésmente á xente dos motivos polos que deixas eses compromisos. Reducir compromisos custarache se te consideras unha persoa moi social ou se non sabes dicir non, en cuxo caso talvez teñas un problema de falta de asertividade


    Método para reducir compromisos en catro pasos,  dando cada día un paso nada máis:

    DÍA 1: Lista de compromisos. Anota todos os compromisos da túa vida, por exemplo no traballo, sexan remunerados ou non. Escribe tamén os compromisos familiares, as túas obrigas como parella, fillo, pai... Por exemplo, os teus fillos teñen actividades extraescolares, eventos deportivos, adestramentos, excursións, moitas veces tes que levalos, traelos, asistir ás reunións da ANPA, entrevistarte co seu titor e profesores... Ademais hai compromisos cívicos como participar nalgunha asociación veciñal, sindical, política, ONG ou agrupación sen ánimo de lucro que ocupa o teu tempo tamén. Logo están as afeccións: talvez practicas algún deporte, escribes, tocas nalgún grupo musical ou levas un blog. Todo isto vén acompañado de máis compromisos. Non esquezas as tarefas da casa: cociñar, limpar, facer pequenas reparacións ... É posible que teñas outras  categorías, cada persoa debe facer a súa lista o máis completa e personalizada posible.
    DÍA 2: Lista das cousas realmente importantes da túa vida. Fai unha lista das cousas que son máis importantes para ti. Non ten que ser unha lista moi extensa, como moito 4 ou 5 cousas: Familia: fillos, parella, irmáns, pais... Amigos: máis próximos e máis afastados. Saúde: alimentación, exercicio, descanso. Creatividade: escribir un blog, tocar un instrumento. Busca a túas e fai a túa lista.
    DÍA 3: Detectando compromisos menos importantes. Colle a lista de compromisos e marca os importantes, os que se alinean coas túas 4-5 cousas importantes. Do resto, elixe o compromiso menos importante. Fai unha chamada ou envía unha mensaxe ou correo electrónico explicando que non podes seguir facéndoo. Pode significar unha decepción para outras persoas, pero estás creando a vida que realmente queres, non a vida complicada que os demais demandan de ti. Ao reducir este compromiso, estás simplificando a túa vida, creando tempo e espazo para as cousas realmente importantes.
    DÍA 4: Reducindo compromisos. Di non ao seguinte compromiso menos importante da lista.  Continúa o proceso, dicindo que non a un compromiso por día, ata que só queden os que están alineados co que é máis importante para ti.
    Se hai algún compromiso que che custa anular, pregúntate ata que punto contribúe a lograr os teus obxectivos vitais: que valor aporta á túa vida, que importancia ten para ti, se está en liña coas túas prioridades e valores e como afectaría á túa vida se o deixases. Tamén podes suspendelo temporalmente e observar, durante un par de semanas, como te sentes e se podes vivir sen ese compromiso. É posible que teñas sensación de culpa, porque outros che piden que continúes, pero tamén podes descubrir o gran alivio de non ter que facer iso cada día, ou semana, ou mes. Tes que aprender a manter o que é importante para ti en mente, anque outros poidan estar decepcionados, porque ceder ao que os demais queren todo o tempo róubanos tempo para nós mesmos.
    Tes dereito a poñer as túas prioridades en primeiro lugar e gozar de tempo para elas.

    Un pescador estaba no peirao dun pobo a piques de irse coa cesta chea cando un home lle preguntou que pescara e canto tempo estivera. Como só estivera un par de horas, o home sorprendeuse e suxeriulle quedar un pouco máis para sacar máis peixes. O pescador díxolle que xa tiña abondo. Entón o home replicou:
    - E que fas co resto do teu tempo?
    - Despois de pescar descanso un pouco, xogo cos fillos, durmo a sesta coa miña muller, pola noite vou tomar un viño e tocar a guitarra cos amigos. Teño unha vida feliz.
    O home, que era un empresario afeito a descubrir boas oportunidades de negocio en todas partes, viu as habilidades do pescador e ofreceuse a axudalo financiándolle un bote; así podería pescar máis e, co tempo, ter unha frota de pesqueiros, incluso en lugar de vender o peixe a un intermediario, podería venderllo directamente a unha conserveira.
    - Chegarías a establecerte na capital, onde manexarías a túa propia empresa.
    O pescador, moi pensativo, preguntou:
    - Canto tempo tardaría?
    - Pois... entre 15 e 20 anos.
    - E logo que? -preguntou o pescador.
    - Cando chegue a hora poderás vender as accións da túa empresa. Volveraste rico, terás millóns.
    - Millóns! -exclamou o pescador-. E logo que?
    - Logo poderas retirarte, vivir nun pobo bonito da costa e durmir ata tarde, pescar por gusto, xogar cos teus fillos, durmir a sesta coa túa muller...
    O pescador respondeu:
    - Pero todo iso xa o teño!

Ningún comentario:

Publicar un comentario