Xa temos falado do ioga e os seus beneficios para mellorar, por exemplo, a depresión. Hoxe quero comentarvos que tamén a meditación axuda. A meditación é unha práctica saudable que ten demostrado sobradamente os seus efectos para diminuír a presión sanguínea, estabilizar o ritmo cardíaco e a respiración e controlar as respostas emocionais a situacións estresantes, entre outros moitos beneficios facilmente comprobables mediante probas médicas obxectivas. Pero hoxe centrareime en que a meditación regular xera conexións neuronais robustas en áreas onde a falta delas produce a depresión, o déficit de atención, a demencia e outros padecementos. Hai varios estudos científicos neste sentido, por exemplo, un experimento realizado por científicos chineses da Universidade de Dalian en colaboración co psicólogo Michael I. Posner da Universidade de Oregon, mostrou que meditar regularmente aumenta as conexións neuronais en áreas cerebrais relacionadas coa regulación do estado de ánimo, o comportamento e a toma de decisións. Nesta área tamén se manifestan trastornos como o déficit de atención, a demencia senil, as adiccións e a depresión, polo que se están investigando as posibles adaptacións de técnicas de meditación para tratar estes padecementos. O experimento foi realizado con estudantes universitarios que meditaron 11 horas en intervalos de 30 minutos durante un mes (relaxación corporal, visualización, escoitar música e atención concentrada). Ao realizar exames de resonancia magnética, o grupo que meditou mostrou conexións robustas na área da circonvolución do cíngulo anterior a diferenza dos que non meditaron, que non mostraron este incremento nas súas conexións neuronais. Así que con menos de 30 minutos ao mes diarios, meditando podemos ampliar significativamente as nosas redes sinápticas.
Ler máis beneficios da meditación
As vantaxes da meditación cada vez fanse máis evidentes, mostrando que a division entre o corpo e a psique non é tan radical como se pensa... "Iso chamado corpo é unha porción da alma discernida polos cinco sentidos" (William Blake).
Ningún comentario:
Publicar un comentario