16 de feb. de 2012

Limpeza de primavera

Xa comentamos como a gripe e o arrefriado son, entre outras cousas, procesos de limpeza. Está ben completar o proceso, despois da curación dos síntomas, facendo unha limpeza real de cousas de todo tipo, obxectos, ideas e actitudes. Ademais hai outra razón pola que me poño neste momento a realizar unha limpeza profunda dentro e fóra: a chegada inminente da primavera. Fai falla espazo para que a nova savia poida expresar todo o seu potencial. Cómpre ventilar a casa, remover todos os recunchos, tirar trapalladas, revisar a roupa dos armarios, arrincar do terreo as baixas invernais e facer sitio para as novas plantacións, repintar a terraza, lavar e colocar de novo os mobles de xardín.
Hoxe comparo a vida cun armario roupeiro. Púxenme a ordenar e vexo que está tan cheo que non cabe nada máis, pero moitas pezas xa non me serven, ou non me gustan, ou non se levan, só as gardo porque noutro tempo fun feliz con elas, tráenme recordos, danme sorte, regaláronmas ou me custaron moitos cartos e dóeme desprenderme delas... Debaixo de todo isto hai unha forte resistencia a deixar fluír a vida tal como é. Resistímonos ao cambio continuo que é a vida mesma. Queremos seguridade, estabilidade, coherencia, algo ao que asirnos, algo que nos axude a definirnos, explicarnos, xustificarnos: mira aquí estou eu no pasado, así era.
É imprescindible facer sitio para o novo desprendéndose do vello. Non é por falta de espazo, é unha actitude vital. As cousas vellas e inútiles (tamén algunhas ideas, crenzas, vellas relacións, hábitos...) que só conservamos por apego acaban converténdose en kippel e consumindo a nosa enerxía.
Agora tenta de aplicar isto tamén aos teus recordos e vivencias, algúns agradables, outros non tanto, pero forman parte de ti mentres os manteñas na túa mente. Estás deixando suficiente sitio para o novo da túa vida que aparece neste mesmo intre? Non estarás focándote demasiado no pasado e descoidando o presente? Algunhas lembranzas non che fan ben porque insistes en comparalas coa túa situación actual, pensando que aqueles foron os bos e vellos tempos, outras pola contra son malas e non te desapegas delas porque cres que te xustifican, eu son así porque me trataron así e asá...

Solta.

Deixa ir.

Libérate de todo iso.

Trasplántate ao presente e goza do agora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario