Noutra ocasión falamos neste blog das intelixencias múltiples e hoxe gustaríame que nos achegasemos un pouquiño á intelixencia emocional.
A competencia emocional é imprescindible para desenvolverse na vida, anque lamentablemente non se ensina ben, son "contidos transversais" nunha a sociedade que considera que o coñecemento é unha actividade mental.
A autoconsciencia, o control dos sentimentos, a motivación, a empatía e as habilidades sociais constitúen cinco ferramentas fundamentais para enfrontarse ao desafio de vivir.
AUTOCONSCIENCIA
É a habilidade de saber o que sentes e tomar decisións coas que vivir feliz.
Para adquirir esta habilidade é necesario adquirir as competencias de conciencia emocional, autoavaliación e autoconfianza.
CONTROL DAS EMOCIÓNS
É a habilidade do autodominio, controlar os impulsos, xestionar a propia ansiedade. Non se trata de reprimirse senón de sentir cada cousa no momento adecuado e de maneira proporcional ás circunstancias, pois os sentimentos pertubadores demasiado intensos ou que duran demasiado tempo socavan nosa estabilidade.
MOTIVACIÓN
A motivación é a capacidade de perseverar e conservar o optimismo fronte á adversidade. Cun sentimento de benestar, confianza e entusiasmo é máis probable que poidamos superar os obstáculos e aprender deles, vantaxes que nos axudarán a lograr os nosos obxectivos.
EMPATIA
A capacidade de percibir como se sente outra persoa fainos competentes socialmente. Podemos percibir os sentimentos expresados polos demais de forma non verbal e responder a eles. Cando hai desacordo entre as palabras que se din e a comunicación non verbal é esta a que transmite a verdade última do que se comunica (o ton de voz, os xestos, a expresión facial...)
HABILIDADES SOCIAIS
Se temos empatía e autocontrol podemos xestionar mellor todo tipo de situacións sociais onde tamén entren en xogo as reaccións emocionais dos demais, conseguindo a mellor interacción posible coa xente en calquera situación e en beneficio de todos.
Estas habilidades poden aprenderse e carecer delas pode ser causa de moitos desastres en todos os ámbitos desde o máis privado e persoal ao público, laboral, político...

Ningún comentario:
Publicar un comentario