9 de ago. de 2014

Crenzas limitantes e xestión do cambio




Moitas veces queremos cambiar pero seguimos inmersos na mesma rutina, e anque sabemos perfectamente o que deberiamos facer non somos quen de facelo. Nese caso somos nós mesmos o noso principal inimigo, convencidos de que non imos poder, non imos saber... A mente enrédanos e paralízanos coas súas dúbidas e trampas.

PSY-K é un método para reprogramar a mente. Non se pode modificar unha crenza profunda que alguén ten sobre si mesmo desde o razoamento, as máis das veces por moito que razoes cunha persoa sobre as súas capacidades seguirá convencida de que non pode, non sabe, etc. O motivo é que estas crenzas residen no subconsciente e a mente consciente non é quen de incidir aí. É necesario facernos conscientes das nosas crenzas para comprender como están afectando á nosa vida e como repercutiría un cambio, pero para modificalas cómpre algunha técnica que implique ao noso subconsciente.

Os procedementos de PSY-K, chamados "balances", permiten acceder e esa información que está gravada en nós a nivel subconsciente e se é conveniente modificala ou substituíla por outra que nos apoie nos nosos propósitos de vida.

Un balance de PSY-K é rápido, indoloro, eficaz e ademais sempre seguro porque cada persoa decide desde o seu ser máis profundo cada un dos pasos que se han de dar e o facilitador do balance axuda a realizalo pero non exerce ningunha autoridade de "terapeuta" senón que simplemente acompaña á persoa no seu proceso axudándoa a identificar o que quere cambiar, localizar cales son as crenzas que ten ao respecto, elaborar a nova crenza e asumila a todos os niveis. O proceso faise empregando un test muscular e realizando uns exercicios moi simples en postura de cerebro integrado, cousa que consegue unha boa comunicación entre ambos hemisferios cerebrais.

Pódese balancear todo tipo de crenzas limitantes e reaccións emocionais conseguindo un maior equilibrio nas nosas vidas. Pódese aplicar a todo tipo de situacións e a toda clase de persoas, sen importar a súa idade ou circunstancias, sendo totalmente compatible con calqueroutra terapia ou tratamento médico.


Ningún comentario:

Publicar un comentario