23 de maio de 2016

Co-creando as regras do xogo

 O mundo é o que ti cres que é. O que pensas, sentes, imaxinas. Hai centenares de estudos e experimentos científicos que demostran que a percepción é subxectiva, sempre, e que no noso cerebro se forma a percepción final, non nos nosos ollos. Cada un de nós só ve aquilo que está disposto a ver.
 Ora ben, non sexamos puerís. Ese bempensar infantiloide conforme o cal eu podo crear a miña abundancia, atraer a miña parella ideal, conseguir o traballo dos meus soños, etc. porque eu son unha especie de deus todopoderoso e os meus desexos son ordes para o universo é unha versión moi simplista do meu potencial, útil para atraer xente a cursiños de fin de semana onde desafogan as súas coitas e se repiten uns a outros o marabillosos que son ata sentirse mellor e con forzas para regresar ás súas vidas cotiás onde seguirán desgastándose ata a fin de semana seguinte, pero sen unha aprendizaxe real, non vaia ser que se autoxestionen de verdade e non volvan aos nosos cursiños! Con todo o meu respecto e agradecemento para este tipo de cursiños que tamén cumpren a súa función: darlles ánimo ás persoas que aínda non están preparadas para coller as rendas das súas vidas, para que se sintan recargadas e poidan "ir tirando", para que socialicen e teñan unha actividade de ocio máis sa que ver a televisión. Pero se queres introducir cambios reais na túa vida, se de veras queres encontrar parella por exemplo, non só tes que visualizar etc senón que terás que saír, facer por coñecer xente e como se soe dicir, bicar moitos sapos, ata que apareza a persoa adecuada. Tes que comprender que ti non estás só no mundo e non podes "crear" literalmente, senón en todo caso "cocrear". Ten isto en conta a próxima vez que che ofrezan un "taller de creación de..." Porque todos estamos xuntos na mesma sopa cósmica onde creamos cada un á súa maneira, eu unha pedra, ti un papel e outro unha tesoira, e o resultado final procede da interacción de todos. 
 Sánate a ti mesmo, comeza por crear nos aspectos onde verdadeiramente es soberano: a túa propia vida. Eis o significado de "se o cambio que queres ver no mundo". O demais irá manifestándose progresivamente e na dose certa par ti a cada momento. Pero mentres intentes amañar o exterior sen poñer orde no teu interior construirás sobre uns alicerces demasiado fráxiles e todo se che derrubará periodicamente.



Pero con isto tampouco quixen dicir que sexa "imposible" crear algo novo, mesmo exportalo e que sexa ben acollido polas demais persoas... Simplemente digo que non se aprende a liberarse das regras do xogo do inconsciente colectivo nun obradoiro de fin de semana. Pode facerse, pero require unha inversión maior (e non só de diñeiro...)




Ningún comentario:

Publicar un comentario