Vouvos contar unha historia: había unha rapaza chamada Luz Divina que unha vez quixo ir ao cine. Mirou que película quería ver, en que sala se puña, a que horas; despois aforrou os cartos necesarios, colleu un autobús, chegou ao cine e sacou a entrada. Sentou na sala, espectante, e ao cabo de media hora vendo a película comezou a decatarse de que o que se proxectaba na pantalla non era a vida real, que ela era en realidade un ser moi superior a todo o que estaba vendo alí, que aquilo só era unha película, unha ficción, que o seu verdadeiro fogar estaba noutra parte. Entón ergueuse e comezou a predicarlle ao resto da xente que estaba na sala estas verdades, porque eles tamén eran coma ela e merecían sabelo. Sentíase chea de amor pola humanidade e disposta a guialos ata esa comprensión profunda da súa verdadeira esencia que ela acadara. Un dos espectadores increpouna, mandouna calar e sentar no seu sitio ou irse e deixar de molestar. Ela estaba moi apenada porque os seus esforzos por espertar aos seus queridos irmáns non eran ben recibidos...
Paréceche absurdo? E porén cantas persoas se comportan exactamente como Luz Divina. Viñemos a este planeta con intención de ver esta película: vexámola, sabendo que é unha película pero gozándoa a tope. E xa falaremos dela, do que nos pareceu, do que nos gustou e nos emocionou, do que nos aburriu, do que nós fariamos doutro xeito se fosemos o director. Pero todo iso xa o falaremos despois, cando a película termine. Agora, meus queridos, vexamos a película!
Evolucionemos a nosa personalidade porque o noso espírito xa é un ser evolucionado. Traballemos, polo tanto, a nosa estadía na Terra, porque para ser seres exclusivamente espirituais e vivir da luz non necesitabamos encarnar neste planeta con toda a dor e a complexidade que isto trae. Ocuparse só do espírito é desperdiciar unha oportunidade realmente única de experimentar cousas que só aquí e agora se poden experimentar.
É moi posible que, unha vez fóra da sala, Luz pense: "Pero de que trataba a película? Vaia, non me lembro, non estiven atenta, non sei, esta xente que sae agora parece contenta, seica lles gustou... Por favor, dígame, a que hora comeza a seguinte sesión? De acordo, déame unha entrada."

Ningún comentario:
Publicar un comentario