Nasrudín estaba aprendendo a arte de curar e o seu mestre díxolle:
- Ves ese home? Só necesita granadas para sanar.
Entón Nasrudín díxolle ao home que tomase granadas e sanaría. O home protestou, dixo que lle parecía unha tomadura de pelo, marchou enfadado e seguramente non fixo caso do consello.
O mestre atendeu despois a outro home que tamén necesitaba granadas, pero mandoulle a Nasrudín que observase en silencio. O home falou da súa vida, da súa familia, do seu traballo, mentres o mestre escoitaba e asentía, ata que finalmente lle dixo:
- A vostede faríalle ben algún froito que tivese unha casca dura, alaranxada, e no interior moitos grans de color granate.
- Granadas! -interrompeu o paciente- Iso son granadas! Con iso podo curarme?
O paciente curouse e Nasrudín aprendeu que o remedio só é a metade da cura, a outra metade é a resposta daquel que se cura.
Quen quere curarse debe tomar consciencia da súa enfermidade e participar activamente no proceso de sanación, e un bo terapeuta sabe como axudalo nese proceso: axudalo, guialo, non anulalo e decidir por el.

Ningún comentario:
Publicar un comentario